O músico arxentino Coti Sorokin ofrecerá o xoves 15 de agosto (Praza Maior, 23.00 horas) un concerto que será o prato forte das festas patronais de Viveiro.
Tal e como anunciou o artista na súa páxina web e confirmou o Concello de Viveiro, que organiza os festexos, a cidade do Landro será unha das paradas na súa xira polo Estado antes de embarcarse para Arxentina.
Cunha traxectoria discográfica en solitario de 17 anos -antes formou parte do grupo Luz Mala-, Coti é autor de cancións como ‘Antes que ver el sol‘ ou ‘Nada de esto fue un error‘, e coautor de ‘Color Esperanza‘, popularizada polo tamén arxentino Diego Torres, ou ‘Andar conmigo‘, de Julieta Venegas.
DISCOGRAFÍA
‘Coti‘ (2002), ‘Canciones para llevar‘ (2004), ‘Esta mañana y otros cuentos‘ (2005), ‘Gatos y palomas‘ (2007), ‘Malditas canciones‘ (2009), ‘Lo dije por boca de otro‘ (2012), ‘Qué esperas‘ (2015), ‘Tanta magia‘ (2016) e o directo ‘Coti Sorokin y los Brillantes en el Teatro Colón 2017‘ (2018) son os traballos do cantautor arxentino.
O músico é tamén coñecido pola súa faceta como produtor e polas súas colaboracións con Andrés e Javier Calamaro, entre outros, en discos como o célebre ‘Honestidad brutal‘.