Despois de 26 anos de reclamacións por parte da sociedade viveirense, a Xunta de Galicia abrirá o xoves Viveiro ao mar trala fin das obras de derrubo dos galpóns do peirao vello e de acondicionamento da extensión, que se habilitará como aparcadoiro.
Nos últimos meses, o Executivo autonómico traballou na desmontaxe e derrubo dos galpóns e no acondicionamento dun espazo de 2.500 metros no que se incluíron zonas de axardinamento, iluminación e conexión cos servizos urbáns.
Rematará así unha actuación considerada chave no municipio, por razóns de estética, seguridade -ante o estado dalgunhas naves- e funcionalidade -ante as dificultades para aparcar no núcleo urbán-, e pola que os viveirenses se acostumaron a esperar despois de incontables anuncios.
BUROCRACIA
Catorce naves, utilizadas a modo de almacén, privaban a Viveiro dun espazo público que comezou a demandar o ex alcalde popular César Aja, no 1993.
No 2005 Portos de Galicia retirou os primeiros seis galpóns, ubicados na contorna da estación de autobuses. No 2014 demoléronse os catro seguintes, deixando en pé un dos cinco previstos inicialmente polo risco de que caese o adosado.
Finalmente, despois de chegar a un acordo cos propietarios doutras tres naves, iniciáronse -unha semana antes das pasadas eleccións municipais-, as últimas actuacións, que contaron cun investimento de 124.600 euros.
Ao longo dos anos, a tardanza en exectuar as actuacións motivou críticas por parte do Concello e doutros partidos da corporación viveirense.
CEN NOVAS PRAZAS
O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, remarca que “foi un traballo farragoso, houbo que rescatar a concesión dos galpóns, pero acadouse”.
Co acondicionamento da zona vanse crear cen novos aparcamentos gratuítos para acadar un total de 335 no centro de Viveiro, a carón do casco histórico.
“Aquí se pon a disposición de Viveiro o único aparcadoiro que ten a cidade. Creo que cumprimos e que abrimos esta parte de Viveiro ao mar onde antes había galpóns”, salientou Balseiro.