Os socorristas de Barreiros aceptaron o cadrante proposto polo Concello trala reunión mantida este martes. Así, a praia de Coto terá vixilancia de luns a domingo, mentres que Oliñas e Gaivota só contarán con servizo de socorrismo nas fins de semana.
Esta proposta topara nun principio co rexeitamento dos traballadores, que mesmo ameazaron con deixar os seus postos se non se garantía “a seguridade” tanto dos profesionais como dos bañistas. Despois de que o Concello se negase a sufragar horas extras pactadas outros veráns, cuestión que iniciou o conflito, ambas partes polemizaron pola vixilancia en Coto.
Os empregados esixían sacrificar o areal de Altar a cambio de vixilar Coto os sete días da semana e anunciaron por escrito que acudirían a Inspección de Traballo de non atender o executivo municipal as súas peticións. O Concello, pola súa banda, asegurou estudar as medidas a tomar despois de que os socorristas “desobedecesen” desde o pasado luns ata o pasado venres as ordes do coordinador e da propia alcaldesa, Ana Ermida.
Malia que o acordo supón para veciñanza e turistas a volta da normalidade ás praias de Barreiros, iniciada o pasado venres cando os traballadores acataron a orde dos responsables do servizo, o conflito entre o Concello e os socorristas semella enquistado.
“AFÁN DE AUTORIDADE”
Este martes, Cope de la Costa fíxose eco da queixa dos empregados por un simulacro de rescate no areal de Lóngara, o pasado luns, “sen avisar a ninguén“, unha situación que interpretan como “un castigo” do coordinador do servizo, cun “afán desmedido de autoridade”, no contexto de desavinzas entre ambas partes.
Segundo recolle a Cope, os socorristas aseguran que o coordinador “valeuse dun menor” -un rapaz de 16 anos– para o simulacro, do que non avisou aos profesionais nin aos usuarios das praias. “E se algún usuario chamase ao 112? Quen correría cos gastos de mobilización? E se un usuario se tirase á auga e puxese a súa vida en perigo?”, preguntan os traballadores, que aseguran que se debeu “poñer en coñecemento aos servizos de emerxencias e colocar carteis para non alarmar aos bañistas”.
CONTÁBASE “CON TODOS OS PERMISOS”
Ermida lembra que o simulacro “entra nas labores de formación” e salienta que se realizou “un día que non había afluencia de xente na praia”. A rexedora asegura que a actividade foi organizada “con todos os permisos” e que as persoas que participaron tiñan “plena capacidade”, de xeito que “non se puxo en perigo a ninguén”.
UN OU DOUS POR VERÁN
Segundo consultou o Xornal da Mariña a profesionais que traballaron en veráns anteriores en Barreiros, este tipo de simulacros sen advertir aos socorristas foron unha práctica habitual co actual coordinador, cunha periodicidade de un ou dous por cada período estival. A actividade mesmo conta coa aprobación dos consultados, dado que os ven como unha forma fiable de comprobar a axilidade do servizo en situacións de emerxencia.