EFE. O Bispado de Mondoñedo-Ferrol informou a través dun comunicado de prensa de que a Congregación para a Doutrina da Fe da Santa Sede decidiu o “arquivo do caso” aberto a raíz da acusación sobre un suposto delito de abusos a un menor por parte “dun sacerdote residente na Diócese”. Refírese ao ex deán da Catedral de Santiago de Compostela, José María Díaz, que volvera á Mariña Lucense tralo roubo do Códice Calixtino.
No comunicado, a Diócese precisa que a Santa Sede, tras estudiar o expediente remitido, “non atopa indicios abondos para iniciar ningún proceso administrativo ou xudicial en relación con esta causa e solicita que se revoguen as medidas cautelares” adoptadas polo Bispado en setembro de 2018, cando se tivo coñecemento da acusación.
APARTADO NO PASADO SETEMBRO
Daquela, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, nomeou a dous instrutores do caso e adoptou medidas cautelares cara o cura sinalado, para que non exercese “o ministerio público durante o tempo” no que se tramitase “a causa” e ata que non houbese un pronunciamento por parte da Congregación para a Doutrina da Fe.
PODERÁ EXERCER
O pasado 5 de febreiro concluíu a investigación e, dous días despois, o bispo elevou as dilixencias á citada congregación, na Santa Sede, como “instancia competente neste caso”. Trala súa resolución, de las Heras revogou as “medidas cautelares adoptadas”, de xeito que o sacerdote “xa pode exercer o ministerio en público“.
Nese comunicado, o Bispado reitera o seu “máximo interese e firme compromiso na erradicación eficaz de calquera abuso de poder, de conciencia e sexual no seno da Igrexa, obrando coa máxima transparencia en toda investigación e desde a colaboración coas autoridades xudiciais”.
Así mesmo, manifesta a súa vontade de “acoller, escoitar e acompañar a calquera vítima que o solicite“, ademais de explicitar a súa “intención de redoblar os esforzos en materia de prevención, en aras de crear espacios seguros na Diócese de Mondoñedo-Ferrol para os menores e adultos vulnerables”. Máis información no Galicia Confidencial.