Rinlo celebrará unha nova edición da Festa do Percebe, o vindeiro 3 de agosto, co engado de visitas guiadas ás antigas cetáreas.
Unha mariscadora da confraría local acompañará as persoas interesadas pola ruta que une os tres vellos criadeiros, que empezaron a construirse a comezos do século pasado.
Haberá un percorrido pola mañá e outra pola tarde cun aforo de 75 persoas (inscricións no 646 116 136 e no 677 629 215), que poderán desfrutar tamén dunha degustación de percebes.
A actividade incide na singularidade histórica da localidade ribadense, que fixo do crustáceo que medra nos cantís que percorren a súa costa unha bandeira gastronómica.
“Todo o produto é de aquí, de toda a zona de Ribadeo que temos delimitada para collelo”, indicou este venres na presentación da festa Eloy Marcos, da agrupación de pescadores, que aproveitan a semana antes de mareas vivas para apañar o marisco nas condicións máis favorables e organizar o evento.
A RACIÓN, A 13 EUROS
En total, recolleron 750 quilos que se repartirán na carpa instalada no porto a 13 euros a ración. Tamén se distribuirá un vaso conmemorativo do evento, que chega á décimo sexta edición.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, remarcou na presentación a capacidade de convocatoria da festa e “o traballo e a dificultade” que supón apañar o percebe.