Dez concertos de música en vivo animarán unha nova edición, a oitava, de Foz Market, que se celebrará na extensión portuaria do 14 ao 18 de agosto.
Ruta Food Trucks organiza a feira de mostras multisectorial, presentada este venres no consistorio, coa colaboración do Concello de Foz, a Deputación de Lugo e o Centro Comercial Aberto (CCA).
Ademais dos habituais food trucks, o encontro tamén contará “con zona infantil” e actuacións dun DJ, segundo precisou Ángel Rojo, da organización.
O presidente do CCA de Foz, José Carlos Paleo, sinalou que Foz Market “dinamiza a segunda quincena de agosto na nosa vila e presenta unha oferta diferente para a xente que se poida achegar a Foz”.
A primeira tenente de alcalde de Foz, Inés López Couto, manifestou que “desde o Concello estamos moi contentos de que todos os anos se realicen actividades novas que lle dean ao turismo de Foz opcións diferentes ás que temos no pobo e que se poidan probar nos diferentes food trucks novas comidas”, expuxo.
REVULSIVO TRALO SAN LOURENZO
O alcalde focego, Fran Cajoto, dixo que “é unha edición que achega a comida á rúa con eses camións que están tan de moda, as food trucks. O que interesa é facer un espazo e invitar á xente a saír da súa casa e que siga vindo a Foz nesas datas onde xa pasou o San Lourenzo, o punto forte do verán, para que continúen acudindo á vila e promocionala dalgunha maneira”.