Unha furgoneta alcanzou na madrugada deste sábado un xinete da Romaxe Viquinga do Vicedo. O accidente ocorreu na estrada LU-862, á altura do Alto de Moreiras, en concreto no punto quilométrico 75.
O cabaleiro dislocou un ombreiro e padeceu danos de importancia na mandíbula, mentres que os ocupantes do vehículo sufriron lesións leves, queixándose de dores no pescozo tralo accidente. O cabalo faleceu polas feridas ocasionadas polo impacto.
O 112 recibiu aviso do sinistro pasados once minutos das doce da noite. Tanto o xinete como os ocupantes da furgoneta dirixíanse ao mesmo punto, o campamento da Romaxe Viquinga que se celebra estes días na contorna da praia de San Román.
A visibilidade era escasa, dado que se trata dunha estrada xeral sen iluminación, e o mozo que ía dacabalo non levaba, nin tampouco a montura, ningún elemento reflectante.
O CABALEIRO, TRASLADADO AO HOSPITAL
Así, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) mobilizou ao 061, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil e Bombeiros de Viveiro.
O rapaz que ía dacabalo foi atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro, aínda que foi trasladado ao Hospital Público da Mariña e finalmente ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para unha cirurxía maxifacial. Os ocupantes do furgón recibiron atención médica no PAC viveirense.