A corporación provincial aprobou por unanimidade no pleno extraordinario deste martes a organización que rexerá o funcionamento da Deputación de Lugo nos vindeiros catro anos.
O novo executivo contará con tres deputadas mariñás, as socialistas Mayra García Bermúdez e María Loureiro e a nacionalista Mónica Freire Rancaño.
Como adiantou o PSdG-PSOE a pasada semana, a alcaldesa de Trabada seguirá a xestionar a área de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas mentras que a rexedora de Viveiro se fará cargo da delegación de Muller e Igualdade, de nova creación.
A deputada do BNG, edil en Ribadeo, encargarase da área de Medio Rural e Mar.
DEDICACIÓNS
Ademais das responsabilidades organizativas do goberno, que contará con 13 áreas de xestión, o pleno aprobou as retribucións dos integrantes da corporación.
Ademais das dedicacións do presidente, José Tome, e da vicepresidenta, Maite Ferreiro, asignáronse outras sete dedicacións exclusivas e catro parciais -dúas do 50 por cento e outras dúas do 75 para os integrantes do executivo.
O Grupo Provincial do Partido Popular, no que a alcaldesa mindoniense Elena Candia repite como voceira, contará con tres liberacións totais e unha parcial. Podes ler a noticia completa en Lugo Xornal.