Trabada celebrou este mércores o pleno organizativo deste mandato, no que se aprobou por unanimidade a creación dunha nova concellería, a de Patrimonio, e unha dedicación parcial para a tenente de alcalde, Julia María Barcia.
Segundo a estruturación do goberno local aprobada na sesión plenaria, a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García, levará as áreas de Economía, Emprego, Servicios Sociais, Infraestruturas e Urbanismo. Non terá dedicación parcial nin exclusiva, dado que percibirá un soldo por traballo a tempo completo -53.613,14 euros brutos anuais- como deputada provincial, levando as áreas económica e de Facenda no executivo da Deputación.
A tenente de Alcaldesa, Julia María Barcia, ocuparase das delegacións de Educación, Igualdade e Desenvolvemento Local. Terá recoñecida unha dedicación parcial co 50% da xornada, cunha retribución anual bruta de 21.000 euros.
Guadalupe Rego será a responsable de Cultura. Suevia Reimonde ostentará as competencias en Turismo, mentres que Rubén García Freije continuará a cargo de Deporte. Pablo González Lastra será o concelleiro de Medio Rural.
Finalmente, o goberno de Trabada crea unha nova área, a de Patrimonio, da que se encargará Rosa María Pérez, coa finalidade de “darlle pulo e promocionar a nosa riqueza de recursos históricos e naturais”, expón a rexedora.
A estrutura de goberno e a distribución das concellerías “tratan de responder con rigurosidade ás necesidades da veciñanza de Trabada e acadar un desenvolvemento social e económico xusto e igualitario aproveitando os nosos propios recursos e potencialidades”, asegura García.
No tocante á dedicación parcial aprobada, García Bermúdez argumenta que Barcia “ten demostrada a súa entrega por e para os veciños de Trabada no anterior mandato e queremos responder a esa confianza que depositaron en nós os trabadenses con, se cabe, máis traballo e dedicación”.
As asistencias a órganos colexiados serán de 70 euros, e os plenos celebraranse ás 14.00 horas, cunha periodicidade bimensual, no segundo mércores hábil dos meses impares.
MUSEO ETNOGRÁFICO
No tocante ao Patrimonio, o Concello de Trabada busca financiamento para a musealización do museo etnográfico que prevé ubicar na antiga escola.
García indica que a Xunta de Galicia non aceptou a solicitude dunha axuda para realizar esta tarefa, a única pendente dado que o edificio xa está rehabilitado e dado que o Concello conta coa maior parte do material etnográfico que planea expoñer.
PUNTO DE ATENCIÓN Á INFANCIA
A alcaldesa tamén levou a pleno a proposta de aprobación inicial da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de Punto de Atención á Infancia, que “pretendemos poñer en marcha no vindeiro curso escolar, un servicio que entendemos prioritario para fixar familias no noso Concello”, concluíu.