O Festival Bal y Gay converterá Foz nun escenario de referencia da música clásica do 24 ao 29 de agosto. A cita traerá á vila intérpretes de primeiro nivel como a pianista asturiana Noelia Rodiles, o Cuarteto Casals ou o grupo de música barroca El Afecto Ilustrado, cabezas de cartel da sexta edición do evento, presentado este venres.
A igrexa de Santiago, a basílica de San Martiño, o pazo de Fontao, a Casa da Cultura Manuel María e a Sala Bahía servirán de auditorios para o ciclo de concertos, coordinado por Enrique Rodríguez Baixeras.
Un dos momentos culminantes será a actuación do ensemble do Festival integrado por músicos de prestixiosas formacións como a Euskadiko Orkestra Sinfónica, a Orquesta Nacional de España ou a Orquestra da BBC de Escocia, entre outras.
PROMOCIÓN DO XÉNERO E FORMACIÓN
O evento busca un ano máis “promocionar o xénero musical na contorna rural” e “potenciar a formación musical e instrumental en todos os niveis”. Así, a programación inclúe tamén un concerto-conferencia sobre o compositor e director estadounidense Leonard Berstein (1918-1990).
Ademais, o Festival inclúe clases maxistrais de piano e clarinete a cargo de Vicente Alberola, da Malher Chamber Orquestra; Javier Martínez, da Orquestra de RTVE, e Juan Antonio Ferrer, da Orquestra Sinfónica de Galicia. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 10 de agosto.