Adry Ben Montenegro (Viveiro, 1998) responde á entrevista a primeira hora da mañá, feliz e “canso”, despois de almorzar torradas de pan con tomate. O corredor mariñao, pertencente ao FC Barcelona, vén de obter en unha semana a marca mínima nas probas de 800 e 1.500 metros para participar no Europeo sénior de atletismo de Berlín, que se desputará en agosto.
Imaxino que estarás contento. Tamén sorprendido?
Si. Sorprendido por obter a mínima de 800, que é unha proba que o ano pasado só fixen unha vez e este, outra (parou o cronómetro en 1:46.94). Ao final, o 1.500 é a modalidade para a que me preparo todos os días. Xa competira unha vez neste 2018, en Huelva, e quedara cerca da marca.
Ademais, tiveches problemas previos ao 800, en Madrid.
Si, estiven con problemas gástricos, vómitos, e levanteime con febre. Atopeime ben no quecemento, decidín competir e foi ben. Saín un pouco lento, logo coloqueime cuarto e aí seguín para diante ata o final.
Como foi o 1.500 de Castellón?
Foi unha carreira un pouco rara, porque a lebre foi excesivamente rápida. Pasamos o primeiros 400 metros en 55,9 segundos, cando tiñamos que ir dous ou tres segundos máis lentos. Aí, ninguén é capaz de seguila, porque se o fas, rebentas. Así que tés que remar só. O adestrador, Arturo Martín, pedíame que fixese unha carreira rítmica, que equilibrase os esforzos. Puiden gañar a proba e estou contento porque baixei por primeira vez de 3:40 (3:39.40).
“os récords demostran que o atletismo galego está vivo. pero non me obsesiono porque haberá quen mos quite”
Con estas dúas marcas, pulverizaches os récords galegos sub-23 de 800 e 1.500. O primeiro estaba en poder de Andrés Díaz, todo un mito, desde 27 anos atrás. O segundo, de Roberto Pérez, ficaba vixente desde o 1990. Case tres décadas nos dous casos.
Si. Creo que é unha demostración de que o atletismo galego está vivo. É un aliciente, aínda que tampouco me obsesiono cos récords porque no futuro seguro que vai haber quen mos quite.
As marcas dan unha mostra do teu potencial como corredor. Son probas moi distintas.
Totalmente diferentes. No 800 vas practicamente a tope desde o inicio e o 1.500 é unha proba distinta, máis táctica.
“CORRER O 1.500 TEN UN LADO BO E OUTRO MALO. É A PROBA QUE TODOS COÑECEN, PERO TÉS A HISTORIA DETRÁS E HAI MÁIS COMPETENCIA”
Nas idades formativas destacaches como corredor de 2.000 obstáculos, pero agora vaste enfocando cara esta última proba.
Si, a proba de 1.500 é a que teño en mente. Os adestradores fóronme orientando cara ela e é para a que me preparo.
Unha proba que é un mito en España. Está a sombra de Fermín Cacho en Barcelona 92 e a doutros grandes corredores…
Ten un lado bo e outro malo. Por unha banda, é a proba que todo o mundo coñece e segue, por outro lado tés o peso da historia detrás, desa xente que acadou grandes marcas. E tamén está o feito de que hai máis competencia, todo o mundo quere correla.
A moitos corredores que destacaron en júniors ou outras categorías de base cústalles adaptarse á etapa de promesas e sénior. Non está a ser o caso.
Si. A miña etapa júnior foi moi boa, con catro mínimas mundiais (800 metros, 3.000 metros lisos, 1.500 metros lisos e 2.000 obstáculos), e hai atletas aos que lles custa ese cambio. Tiña claro que o importante viña agora, na etapa de madurez. Os meus adestradores sempre me insistiron niso e así enfoquei a miña carreira. A miña meta é participar algún día nuns Xogos Olímpicos.
“os adestradores sempre me dixeron que o importante viña na madurez. a meta é competir algún día nuns xogos olímpicos”
Próxima parada: o 21 e o 22 de xullo, co Campionato de España sénior en Xetafe, que pode decidir un posto no Europeo.
Si, será a pedra de toque para ver que decide a Federación Española de Atletismo. Estou con ganas de facelo ben e participarei só na proba dos 1.500. O 4 de agosto é o meu cumpreanos e tamén daquela, o día 7, empeza o campionato de Europa. Non digo que participar sería un regalo (risas) porque costa moito conseguir algo así, pero estaría xenial poder celebralo en Berlín.