San Cibrao encara unha das semanas máis especiais do ano coa celebración da Maruxaina, festa declarada de Interese Turístico Galego que cumprirá o vindeiro sábado a súa trixésimo cuarta edición.
A organización deu a coñecer o programa dos festexos, que comezará o xoves coa presentación do libro ‘María na busca da liña do horizonte‘ de Esther López Castro. Será ás 20.00 horas, no Museo do Mar.
Na véspera coñecerase o Maruxaino de Honra 2019 despois dunha degustación de bolos preñados e empanadas na Prazoleta.
O sábado será o día grande, cos xantares na praia, os xogos maruxainos (19.00 horas), aperitivos do desembarco (23.00) e xuízo popular á ninfa. A continuación degustarase queimada a ritmo de Arizona e La Bamba.
AUTOBUSES DESDE RIBADEO
A axencia de viaxes Augasantas, de Ribadeo, ofrece servizo de autobús para desprazarse a San Cibrao con motivo da celebración da Maruxaina. Os autocares farán saídas desde a propia vila ribadense, Barreiros e Foz.
O primeiro servizo sairá de Ribadeo ás 17.00 horas e o segundo ás 21.00 horas, facendo paradas para recoller viaxeiros en Barreiros e Foz. Para regresar tamén haberá dous servizos, un ás 05.00 e o outro ás 07.00 horas. O prezo da viaxe de ida e volta é de dez euros por persoa.
A reserva de prazas pode facerse na axencia de viaxes Augasantas ou a través do número de teléfono 676.44.54.65.