A asociación de xubilados do mar A Moncloa, xunto con representantes da asociación cultural Ledicia e o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, visitaron o venres o Congreso dos Deputados. A expedición burelesa adentrouse no Palacio das Cortes e percorreu as instalacións. O colectivo foi recibido por dous deputados lugueses do PP, Jaime de Olano e Joaquín García Díaz.
DEGUSTACIÓN
Este sábado, ás 20.00 horas, haberá unha degustación de bonito no restaurante madrileño Burela. Alí, a comitiva burelesa explicará aos asistentes os pormenores da pesquería do túnido e a súa importancia para a economía do concello. Tamén falarán do barco boniteiro-museo Reina del Carmen, a única sala expositiva flotante de España.
O obxectivo da campaña de promoción de Burela en Madrid é conseguir a declaración de festa de interese turístico nacional para a Feira do Bonito, que se celebra a principios de agosto.