A comisión da Romaría de San Caetano na parroquia barreirense de Celeiro de Mariñaos presentou a programación dos festexos, que se celebrarán o 16 e 17 de agosto. Entre o programa destaca a celebración da Festa da Tortilla, que vai polas vintecatro edicións.
Según manifestan os organizadores, esta romaría “segue a conservar a esencia das nosas festas dos palcos de lona de sempre“.
DÍA 16
A axenda arranca o día 16 cunha cea de torrezmos, chourizos e empanada, e a actuación do grupo de música tradicional Xaramolo e do grupo pop-rock Almas de Contrabando.
O 17, CONCURSOS DE TORTILLAS
O día 17 no xantar celebrarase o concurso de tortillas e a elaboración e degustación dunha delas xigante. O certame Máster Tortilla, no que os participantes cociñarán as súas receitas ao mesmo tempo no campo da festa, será pola tarde.
Tamén haberá xogos tradicionais e unha ampla oferta musical co dúo Chechu e Salva, a charanga Lou Band e o músico Paco Nogueiras.
Os romeiros poderán asistir tamén á misa, que se celebra na capela ás 13.00 horas.
Os asistentes poderán desfrutar tamén da xuntanza de motos clásicas, vespas e lambretas.
A festa rematará coma todos os anos co “baile do farolillo” e cunha chocolatada.