O gardameta naronés Eduardo Saavedra Cebreiro, ‘Edu’, defenderá unha tempada máis a portería do Pescados Rubén Burela FS. Será o décimo curso do capitán en Vista Alegre, a sexta campaña na súa segunda etapa no club logo do seu paso polo Oxipharma Granada.
Edu completou unha espléndida tempada pasada, cun excelente final no que foi un dos futbolistas máis destacados do bloque tanto no último treito da Liga regular como no play off polo ascenso ante o Real Betis.
Deste xeito, o club laranxa dá por pechado o apartado de renovacións para o exercicio 2018-19. “Edu é un deportista da casa e toda unha referencia tanto nas pistas coma no vestiario. Poucas persoas coñecen tan ben a nosa estrutura e idiosincrasia”, explicou o presidente da entidade burelesa, Manuel Blanco.
ONCE XOGADORES
Con seis continuidades e cinco fichaxes, o novo proxecto do Pescados Rubén está moi avanzado. Juanma Marrube conta con Edu, Pope, Lucho, Hélder, Renato, Vargas, Iago Míguez, Juanfran, Porto, Luisma e Matamoros.