InicioCultura"Nun mundo con tantos estímulos, a narración oral sorprende só coa palabra"

“Nun mundo con tantos estímulos, a narración oral sorprende só coa palabra”

Tras anos facendo espectáculos para nenos, Felipe Díaz "Caxoto" labra pouco a pouco unha carreira profesional como contacontos

Publicada o

- Advertisement -

Felipe Díaz (Cervo, 1978), “Caxoto cativo” para a veciñanza, vén de converter a narración oral no seu oficio. Despois de varios anos exercendo como mestre e percorrendo Galicia nas fins de semana con espectáculos para nenos, salta sen rede para “vivir do conto”, como el mesmo bromea.

INICIOS

P. Como xurde a túa paixón por contar?

R. Pois foi todo pasando un pouco. Lembraranse en Cervo que eu era no colexio un pouco pallasete (risas), que sempre andaba coas miñas historias molestando un pouco aos profesores. O feito de estar en Airiños do Xunco, sen premeditación ningunha, preparoume para o tema escénico, para perder a vergoña. Tamén a Queimada Popular, na que estiven moi implicado co grupo de gaitas e cando a dirixiu meu irmán (Antón Caxoto), me deu táboas.

Tamén ten que ver co meu traballo anterior, eu son mestre, estudiei maxisterio. Fun monitor de tempo libre, unha formación que tamén me deu ferramentas para interactuar cos nenos. Todo me foi levando. O detonante foi que tiña unha amiga que traballaba na editorial Kalandraka. Aí empecei a traballar no almacén dos libros. Anoteime a un curso de narración oral, de contacontos, que daba a editorial. Debino facer ben porque xa me chamaron para facer unha campaña de animación á lectura, e empecei a ir polos colexios a contar contos de Kalandraka. Foi un vicio, enganchoume desde o principio.

PROFESIONALIZACIÓN

Cando deches o paso de decidir ser profesional deste oficio?

Todos os anos facía funcións, chegou un momento que tiña 60 ou 70, e decidín que era o que quería facer, vivir do conto (risas). Non foi tomar a decisión e me tiven que preparar; de súpeto, vin que estaba preparado para facelo e que me gustaba un montón.

E pódese vivir do conto?

Pois sempre cunha certa incerteza, sen saber como vai ir ao ano seguinte. No primeiro ano agobieime porque non chamaban no verán, sentinme como nunha corda frouxa, despois entendín que vai en función das épocas. E tamén cunha certa tranquilidade de ver como vou mellorando, así que levámolo con típico malo será (risas).

A túa familia, os Caxotos, erades moito de contos, de contar anécdotas nas comidas e reunións?

A min, por exemplo, non me contaban contos para durmir. Pero si que sempre fumos unha familia de moito balbordo, moi argalleira, e entón contábanse cousas interesantes. Lémbrome de ir á casa de meus avós, e haber moita xente maior. Gustábame escoitar o que dicían, que non eran contos, pero que eran pequenas historias de vida. Tampouco moi conscientemente; eu estaba alí e pasábao ben, aínda que non sabía por que. Gustábame velos xogar ao tute e berrar (risas).

As partidas tiñan algo de teatral, era como algo escénico; a maneira de trunfar, de vacilarse entre parellas, de botarlle a culpa ao outro…

Creo que si, eran como un teatro popular. Son como escenas ou sketchs da nosa cultura popular.

APRENDIZAXE

Imaxino que a formación de contacontos é máis ben autodidacta. Cales foron os teus principais referentes?

Aquí temos sorte de ter xente de moito nivel na narración oral. Quico Cadaval, Candido Pazó, Paula Carballeira, Celso Fernández Sanmartín… Percorren o mundo contando contos da tradición galega ou propios. Cada un conta desde un enfoque diferente; temos xente moi potente e moi diversa. Foron grandes referentes para min e unha gran escola. Ía velos cando podía.

“EN GALICIA TEMOS XENTE DE MOITÍSIMO NIVEL NESTA PROFESIÓN. CADAVAL, PAZÓ, PAULA CARBALLEIRA, CELSO SANMARTÍN…”

Tamén foi importante o Festival Atlántica, co que colaborei bastante como voluntario e que me permitiu ver narradores doutras partes do mundo, e mesmo compartir escenario con eles.

Aquí non hai unha formación regrada de narración oral. Así que había cousas que eu non sabía moi ben como abordar e mirei de aprender desas persoas: José Campanari, Pazó, Carballeira… Iso xa intencionadamente.

Que fontes utilizas para os teus espectáculos? Baséaste na tradición ou escribes pezas propias?

Eu empecei narrando para nenos. Aí hai que ler moito. Compilo contos que me interesan e vounos tentando cadrar uns cos outros e de aí sae o nó dos espectáculo. De tres ou catro contos conectados.

Tamén teño sete ou oito contos meus, porque sempre me gustou escribir. E así vou facendo un repertorio.

O que busco é que a historia conecte comigo, enganche comigo, que conte o que a min me apetece contar. Unha cousa que aprendín co tempo é que a narración ten que ter verdade, a esencia do recordo. Esa é a esencia de contar contos. Así que aprendín a meter as miñas propias vivencias e experiencias. A forma de darlles ese punto de verdade é filtralos a partir da miña traxectoria. Busco aqueles contos que me permiten dar saída a aquelo que quero contar.

“A NARRACIÓN PARTE DA ESENCIA DO RECORDO, TEN QUE TER VERDADE. OS CONTADORES SEMPRE CONTAMOS DE NÓS MESMOS”

E hai moito espazo para a improvisación? Ou está todo máis traballado do que parece para dar unha sensación de frescura?

Creo que a narración oral non debe ser un texto mallado. Hai unha estrutura, de elementos que se manteñen, pero logo ten que haber un diálogo co público, reaccionar a como o público se comporta. Observo ao público e a partir de aí desenvolvo liñas ou omítoas, e incluso intento que participe para incorporar cousas ao conto. Desde que eles se implican aí xa cambiou a historia, polo que o conto nunca é o mesmo, intento que en cada sitio sexa diferente, como se fose a primeira vez. Cada vez se conta diferente.

CONTAR PARA NENOS

Como se mantén atrapados aos nenos, que teñen tanta enerxía, só con palabras?

Na narración oral pasa que quen conta para adultos parécelle dificilísimo contar para nenos; e quen conta para nenos parécelle dificilísimo contar para persoas adultas, eu estou neste último grupo.

Con Celso Fernández Sanmartín e Gayoso no Luar. TVG

O meu cos nenos foi natural, porque era mestre e tiña experiencia cos nenos. Sei como funcionan e aplico iso. Penso que as crianzas teñen que sentir que están xogando, que teñen parte no xogo. Non lles gusta que lles soltes un rollo e te vaias. Máis na narración oral, que estás case espido, porque non se utilizan moitos elementos do teatro; bonecos, escenografía, música… Eu utilizou algún -música, papiroflexia- pero normalmente son “a pelo”. Eles necesitan sentir que achegan algo.

Agora que levo anos facendo cousas para adultos si que me está a costar máis. Atópome con máis inseguridades.

E a ti, que é o que te engancha do teu traballo?

O mesmo que lle gusta aos nenos, porque creo que nunca deixei de ser un neno (risas). Sentir que estou xogando. A reacción do público, ver como se sorprenden, emocionan coa comicidade ou a tensión dramática, o medo… Sentir que se paran as respiracións e están todos expectantes… Esa parte de xogo é o que me gusta.

“SENTIR QUE SE PARAN AS RESPIRACIÓNS E A XENTE ESTÁ EXPECTANTE É O QUE ME GUSTA DO MEU OFICIO. É XOGAR E EU CREO QUE NUNCA DEIXEI DE SER UN NENO”

CONTAR PARA ADULTOS

Agora estás a centrarte entón máis no público adulto.

Si. Estou dando pasiños. Este ano fun seleccionado para o maratón de Guadalajara, que é o gran evento de narración oral en España. Hai unha sección que é a de “inauditos”, daqueles que nunca participaron, e este ano presenteime e seleccionáronme.


Estou pouco a pouco abrirme camiño, buscando a mesma sensación de dominio do espazo nos espectáculos para xente adulta.

E non hai moito debutaches no ‘Luar’ contando para adultos.

Si. Sentime moi cómodo con Celso Fernández Sanmartín, que dirixe a sección do ‘Luar’. E foi como un diálogo con el e con Gayoso; permitiume falar un pouco da Mariña Lucense, falar da miña familia… Que ao final é o que facemos os contadores, contar de nós.

Falas de que na narración oral o narrador está só ante o público coa única ferramenta da palabra. Cres que hai un rexurdir deste arte ou oficio nestes tempos de tantos estímulos e entretementos, especialmente virtuais?

Quero crer que si. O que estou observando indo fóra, noutros lugares de España, é que hai un renacer da narración oral, novas xeracións buscando como revitalizar este oficio. Antes era difícil programar e agora está habendo pouco a pouco, porque aínda non é patente, un rexurdir.

Aquí en Galicia estámonos organizado, quedando para axudarnos e traballar de maneira coordinada.

Imaxino que por moitos estímulos que haxa, as boas historias e ben contadas seguen enganchando.

Si. Hai moitos espectáculos hoxe en día que contan cousas con moitos estímulos e moitas cousas externas: teatro, maxia… E ás veces, contar só coa palabra causa sensación, sorpresa. Agora a novidade é o que se fixo toda a vida, que contes sen que usar nada. Non hai atrezzo, pero métese no conto; non hai personaxes, fainas o que conta; e ás veces causa un efecto máxico. A xente estase a reatopar coa narración oral desde esa sorpresa.

“DICÍA CARRÉ ALVARELLOS QUE EN GALICIA CONTÁBANSE CONTOS PORQUE DE NOITE NON SE PODÍA ANDAR POR FÓRA. HAI UNHA TRADICIÓN QUE SE ESTÁ A RECUPERAR”

Dicía Leandro Carré Alvarellos que en Galicia contábanse contos porque de noite non se podía andar por fóra; caías por unha fochanca, por un cantil, chocabas contra unha árbore, comíate o lobo ou asaltábate un ladrón (risas). A xente metíase na casa e, sen televisión, a xente púñase a contar. É unha tradición e hai unha xente que o está a intentar recuperar.

Falta un público na Mariña Lucense?

Está un pouco por potenciar. Non hai moita xente que sexa de aquí e que se dedica a isto, nin tampouco hai costume de ir por hábito, de ter normalizada a experiencia de ir contar contos. A xente vai porque cadra, falta xenerar esa fame, esa necesidade. E é unha pena, porque cando van, participan e desfrutan.

Sendo de Cervo, este venres tócache a Queimada?

Pois alí estaremos. No Mercado Os Caxotos seguiremos a facer algo co obxectivo de estafar á xente e pagarnos a comida (risas). A ver que se nos ocorre: o ano pasado foi “apadriña un Caxoto”, outro maxia, outro ano túnel do terror, circo de excentricidades, “molla a un Caxoto”, que a xente pagaba por baldearnos de auga, xogos de trileiros… Houbo outro ano que roubabamos… Xa tocamos todos os paus do delito (risas).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...