A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, reclamou á Xunta de Galicia un total de 3,3 millóns de euros para facer fronte á construción dunha nova depuradora de augas residuais na zona de San Miguel de Reinante, xa que a administración local ve “imposible afrontalo”.
Diso informou o Concello de Barreiros nun comunicado no que demanda unha “solución” a un problema da depuración de augas residuais “moi importante, que leva anos existindo e que empeora co tempo”.
Así, Ermida sinalou nunha carta remitida ás consellerías de Medio Ambiente, Turismo, Sanidade e Infraestruturas, que a situación “se solucionaría” coa construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) na área de San Miguel, o que afectaría as parroquias de San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante.
No documento, a alcaldesa solicita unha reunión para abordar estas cuestións cos distintos departamentos do Executivo autonómico, pois considera “imprescindible” a colaboración entre as administracións “implicadas”.
ARREDOR DE 9.000 PERSOAS NO VERÁN
Malia que o concello de Barreiros ten menos de 3.000 habitantes, Ermida salienta que aumenta a súa poboación durante o verán. “A poboación flotante multiplica esta cifra por máis do triplo no período estival”, remarca, para agregar que “isto supón que os servizos que se precisan deben estar dimensionados para atender a mencionada demanda”.
VERTEDURAS CONSTANTES NA PRAIA
A rexedora tamén fixo fincapé en que a localización dos puntos de vertedura actuais “están en zonas moi próximas á praia de Arealonga“, ademais de en lugares “emblemáticos” como a praia das Catedrais e mesmo a Rede Natura, o que supón “impactos” ambientais e turísticos “negativos”. Ademais, salienta que a situación “supón porblemas de saúde pública que se detectan nas analíticas realizadas pola Administración galega”.