O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, afeou este luns aos sindicatos que non se mobilicen ante a parada de 32 das 512 cubas de electrolise con que conta a factoría de Alcoa en San Cibrao.
O popular censura que a día de hoxe “está todo moi parado” e que “non se entende esta situación. Levamos todo o verán con este problema e xa desde que xurdiron os problemas en Avilés e A Coruña“, dixo, sen que se elaborase o estatuto para as electrointensivas.
Villares lembrou que “fai seis ou sete anos, gobernase quen gobernase en Madrid, todos nos mobilizabamos, había que moverse cando os sindicatos e o comité de empresa nos expuxeron as mobilizacións”, abundou.
“Había que visibilizar o problema para buscar unha solución”, que igual que agora pasa polo “prezo da luz“, para rebaixar o custo da enerxía.
Contrapón esas protestas ao que ocorre hoxe. “Todos en absoluto silencio, parece unha actitude de condescendencia co Goberno central algo que é incomprensible”, reprochou de novo ás centrais sindicais.
Villares tamén lamenta que os sindicatos reclamen unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no canto de presionar ao Executivo de Pedro Sánchez.
REUNIÓN CON FEIJÓO
“Agora piden unha reunión con Feijóo cando o presidente da Xunta leva tempo solicitando a Madrid unha solución ao prezo da luz. Lévao facendo hai tempo e nós tamén, pero agora os que se movían fai sete anos están parados“, manifestou.
Villares volveu a insistir na necesidade de “mobilizarse. Temos un problema e se non se toma unha decisión a fábrica vai pechar e imos quedar sen o corazón empresarial e laboral da Mariña Lucense“, concluíu.