InicioM.ambiente e PatrimonioViveiro clama pola substitución do emisario roto e a fin da contaminación...

Viveiro clama pola substitución do emisario roto e a fin da contaminación da ría

Unha manifestación reclamou melloras no saneamento do estuario, que padece unha canalización rachada que verte augas fecais e unha depuradora insuficiente

Publicada o

- Advertisement -

Máis de 1.800 persoas, segundo os organizadores da protesta, manifestáronse este sábado na parroquia de Celeiro, do municipio lucense de Viveiro, en defensa da ría da localidade, co obxectivo de esixir o urxente saneamento da mesma e a realización das obras necesarias para substituír ou arranxar o emisario roto que verte augas fecais sobre o estuario.

A mobilización, que partiu ás 18.00 horas desde a praia de Celeiro e transcorreu ata o espigón, onde se leu un manifesto, foi o terceiro acto reivindicativo convocado por unha plataforma constituída por un grupo de veciños da zona, logo de que o Concello recomendase non bañarse no areal urbán pola contaminación microbiolóxica resultante das analíticas da Consellería de Sanidade.

As análises posteriores deron resultados positivos, pero a veciñanza de Celeiro sentiu que recaía sobre as súas costas unha decisión que competía ás administracións. O problema da praia urbana non foi o primeiro que provoca a contaminación da ría –Porto de Celeiro, por exemplo, debe filtrar a auga na que lava o produto estrela da vila, a pescada do pincho-, pero si o detonante do malestar popular.

A voceira da plataforma veciñal, Nuria Pino, sinala que “estamos convencidos de que a praia está contaminada, pero non só a de Celeiro, senón tamén a de Covas, porque o emisario está a verter sobre toda a ría. Cremos que as analíticas mellores ou peores dependen dos fluxos das correntes e das mareas”, asegura.

“Pedimos solucións”, expón Pino, “a un problema grave, porque o emisario leva moitos anos roto”, indica, para afearlle ás administracións local, autonómica e estatal “que levan tempo pasándose a pelota uns a outros”.

POLÉMICA ENTRE XUNTA E CONCELLO

Xunta de Galicia e Concello acúsanse mutuamente de atrasar a substitución do emisario, comprometido polo Goberno autonómico o ano pasado e novamente nas últimas eleccións municipais, pero aínda sen licitar. Trátase dunha obra que ten un orzamento de tres millóns e unha concesión de 2,4 millóns de fondos europeos que se perderán de non executar as actuacións antes do final de 2020.

A situación do emisario, que leva roto alomenos un par de anos, únese o deficiente funcionamento da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Viveiro, o que agrava o problema. O proxecto de ampliación da EDAR, con 3,9 millóns de orzamento, está pendente de licitación, e tamén é fonte de polémica entre o goberno local de Viveiro e a Xunta de Galicia, que igualmente se atribúen a tardanza na execución da obra.

A alcaldesa, a socialista María Loureiro, asegurou que “o Concello ten todo en regra” e que “quen ten que licitar e contratar é a Xunta”. A rexedora criticou que houbese “dúas modificacións do convenio asinado en 2016 para levar a cabo as obras. A plataforma é apolítica e reclama o que reclamamos todos, que se arranxe o emisario da ría de Viveiro, porque é un problema de salubridade”, afirmou.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia emitiu un comunicado no que asegurou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade “está en disposición de licitar a obra de ampliación e mellora das liñas de tratamento da EDAR de Viveiro, paso que podería dar neste mes de setembro, só á espera de que o Concello complete a documentación requirida o pasado mes de maio e aínda pendente”.

APOIO UNÁNIME DAS FORZAS POLÍTICAS

Representantes do Concello e de todas as forzas políticas da corporación viveirense -PSOE, PP, Por Viveiro, BNG e Son Viveiro-, a deputada parlamentaria dos nacionalistas Olalla Rodil ou a tamén representante na Cámara galega, neste caso dos socialistas, Patricia Otero, respaldaron a convocatoria veciñal. “Non vai quedar aquí. Imos continuar ata que haxa unha solución”, resume Pino.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...