InicioCulturaCelso Dourado: "o novo espazo de Ribadeo pechará Eido Dourado"

Celso Dourado: “o novo espazo de Ribadeo pechará Eido Dourado”

O artista e empresario barreirense repasa os dez anos dun centro de referencia na programación cultural mariñá

Publicada o

- Advertisement -

O artista e empresario Celso Dourado (Barreiros, 1960) inicia este mes de xullo a décima tempada de Eido Dourado, un referente da exposición de artes plásticas e da programación cultural na Mariña Lucense.

BALANCE

Que valoración fai deste aniversario?

É o froito dunha aposta que fixen non en 2009, senón vinte anos antes, pois o espazo foi deseñado e autoconstruído con materiais reciclados. Albergaba o soño de ter un lugar propio donde se poidese ver a miña obra. O balance que fago é positivo por un lado, porque a miña compañeira e máis eu fomos capaces de facer moitas das cousas que ambicionabamos, como talleres para nenos, recitados de poesía ou concertos, o que ten moito mérito, porque nunca recibimos apoio ningún das forzas políticas. Por outra banda, hai unha parte negativa. Houbo xente que nos puxo atrancos e teño un certo desencanto, desánimo, con Barreiros.

Como xurdiu a idea do Eido Dourado?

Comezou a tomar forma no ano 1985. Fixera unha viaxe a Suíza e alí comprobei que moitos artistas tiñan, a carón do seu espazo de traballo, un lugar para expoñer as súas obras. As artes plásticas son as grandes olvidadas das programacións culturais dos concellos, que soen ter teatro ou música. A vontade ou a teima neste senso era clara, ter un lugar onde visibilizar o que fago e tamén apoiar un tipo de cultura que boto en falta na zona.

EXPOSICIÓN

Renovou a exposición ao 80%. Que poderán ver os que se acheguen a Eido Dourado?

Afrontei coma un reto que nunca houbese a mesma exposición e fomos conseguíndoo. Este ano, o que destaca na mostra é a serie branca, dominada por esa cor e na que o motivo figurativo queda un pouco en nebulosa.

Eido Dourado. CEDIDA

Cando comezou a pintar?

Desde pequeño desfrutei co debuxo, e tralo accidente que me custou ámbalas dúas mans, con oito anos, seguín a pintar. A partir dos 19 ou 20 anos orienteime a unha certa profesionalización. Houbo dúas persoas moi importantes na miña carreira. Por unha banda, Suso Peña, ribadense, que foi o meu mestre, porque foi del de quen aprendín. E por outra, Juan Puchades, de Mondoñedo, que foi o gran valedor de moitos rapaces na Mariña. Todo o mundo nos dicía que o debuxo era algo secundario e el facíanos ver que de ningunha maneira, que había que potenciar as habilidades de cada persoa.

Que significa a arte para vostede?

É o meu xeito de expresarme. Houbo quen dixo que eu era “un pintor das mans” e gústame esa identificación. Eu quedei sen as mans, pero a pintura é para min a maneira de sentilas. Hai toda unha comunicación con elas, non só a linguaxe dos xordomudos, senón unha serie de símbolos do noso día a día. Todo o mundo sabe o que significan un puño pechado ou unha man extendida.

“pintar é a miña maneira de sentir as mans. teñen moita expresividade e simbolismo”

ACTUACIÓNS

Eido Dourado caracterízase por unha programación cultural de calidade e de balde. Os concertos -que comezan a mediados de xullo- teñen fama, pero hai máis actividades. Pode adiantar algo desta nova tempada?

Pois este anos temos connosco unha profesional, Iria Fernández Moscoso, que fará laboratorios creativos para nenos e nenas. E seguiremos apoiando a música do noso país, que é un país de creadores, como dixo Xurxo Souto. Actuarán no Eido Nastasia Zürcher, unha cantautora que xa estivo aquí noutra edición. Tamén estarán o trío de pandereteiras As Tanxugueiras ou o grupo A Banda da Loba.

“nastasia zürcher, as tanxugueiras ou a banda da loba actuarán este verán”

Hai algúns anos adquiriu un edificio no casco histórico de Ribadeo para iniciar un novo proxecto. En que punto está esa iniciativa?

Pois aínda nos quedan uns anos, calculo, para poder ter a luz verde. Mercamos o inmoble nun estado practicamente de ruína e a súa consolidación foi custosa, pero xa só nos queda a parte interior. Trátase dun proxecto máis ambicioso ca Eido Dourado e suporá o peche desta aventura de Barreiros. Falamos dun espazo grande, cunha galería de madeira de 20 metros de longo, e no edificio faremos un xardín habitable, unha sala de exposicións e un café cultural. Ribadeo é unha vila puxante, unha capital de comarca non só para moitos galegos senón tamén para moitos asturianos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...