Iniciosociedade(AMPLIACIÓN) A Mariña segue a medrar como xeodestino: "temos máis demanda ca...

(AMPLIACIÓN) A Mariña segue a medrar como xeodestino: “temos máis demanda ca pisos de alugueiro”

Hoteis, cunha ocupación media do 91,5%, inmobiliarias e Concellos confirman o crecente tirón turístico da bisbarra, a única da provincia de Lugo que suma visitantes

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense segue a medrar como xeodestino. Así o certifica o balance da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelaría e Turismo de Lugo (APEHL), que informou de que a bisbarra mariñá é a única comarca lucense que medra con respecto ao ano 2018, cun 91,5% de ocupación media. Na provincia, ese dato situouse por riba do 88%.

A Ribeira Sacra foi a zona da provincia con maior porcentaxe de ocupación, dado que os establecementos hoteleiros da comarca, que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, alcanzaron unha media do 95%.

A zona centro de Lugo chegou ao 94,8%, mentres que A Mariña estivo ao 91,5, a Terra Chá ao 83,7 e A Montaña quedouse cun 75% de ocupación nos seus establecementos hoteleiros.

En relación coas cifras do ano pasado, a asociación precisa que os datos son “moi similares aos da campaña de 2018, salvo no caso da Mariña”, onde se percibe un “lixeiro incremento de turistas”. No pasado mes de xullo, os hoteis da Mariña Lucense estiveron ao 85%, segundo a mesma fonte.

AGOSTO SEGUE A SER O MES POR EXCELENCIA

A hostalería da Mariña Lucense confirma os resultados positivos deste balance. En Viveiro, o Hotel Urban -de 26 habitacións– mantivo unha ocupación en agosto do 90%, “superior a outros anos. Houbo moitísima xente en Viveiro este verán e agosto segue a ser o mes“, confirman desde o negocio. No pasado mes de xullo, este aloxamento tivo o 85% dos seus cuartos completos, un 5% máis que no pasado exercicio.

En Las Sirenas, cunha capacidade hoteleira de 238 prazas entre dous hoteis e apartamentos, a ocupación foi do 85%.

O Cabazo, en Ribadeo, que conta con 42 habitacións, deu saída ao 95% dos seus cuartos no mes de agosto. “Para nós foi realmente ben, tanto no hotel como no restaurante, onde as ceas van a menos pero en cambio aumentan moito o número de xantares”, explica o xerente, Juan Francisco López, que precisa que xullo foi “moi positivo, porque estivemos polo 80%, arredor dun 15% máis ca no pasado ano, que foi un pau”, admite.

CADA VEZ MÁIS XENTE REPITE DESTINO

López constata que a praia das Catedrais segue a ser o principal polo de atracción da zona e tamén que cada vez máis clientela repite. “Hai arredor de quince parellas que reservan cada verán dun ano para outro“, indica. Que buscan? “Principalmente, fuxir de aglomeracións, pois por moito que Ribadeo poida alcanzar 40.000 persoas en verán, non é nada comparado con cidades como Madrid ou Barcelona“, expón.

Así o confirma César García, do Isla Nova de Foz (18 habitacións), que mantivo unha ocupación do 95% en agosto e que rozou o 90% en xullo. “Cada vez hai máis familias asiduas, que poden quedarse unha semana, 15 días ou catro, pero que saben o que queren e repiten”, salienta.

INMOBILIARIAS: “LEVAMOS ANOS MOI BOS”

As inmobiliarias consultadas confirman o tirón turístico da comarca, especialmente en agosto. “Houbo máis demanda ca vivendas dispoñibles”,  resume Toñi, de Inmobiliaria Alba, que ofrece alugueiros na Mariña oriental e no Occidente asturiano.

A estancia media sitúase “entre os doce e catorce días; antes da crise os alugueres eran máis longos, aínda non recuperamos ese nivel”,  analiza a axente inmobiliaria, que recibe, sobre todo, turistas madrileños e vascos.

O turismo español e familiar responde tamén ao perfil da clientela estival da inmobiliaria burelá Clave, que concentra a súa oferta na Mariña occidental. “Agosto é o mes máis potente, alquilamos todas as propiedades, pero a actividade xa é alta desde mediados de xuño. Levamos uns anos moi bos”, di Elías Docabo.

“A maioría das persoas que atendemos non ten preferencias moi concretas en canto as localidades; veñen á Mariña, móvense por toda a comarca”, detalla.

CÁMPINGS E CASAS DE TURISMO RURAL

No cámping A Gaivota de Barreiros tamén fan un bo balance do verán, “mellor que o do ano pasado”, sinala Carmen Ares, que atribúe a bonanza á climatoloxía: “aquí inflúe moitisimo o tempo, que foi máis propicio”.

Tamén marca a permanencia nas instalacións, “desde unha noite a catro ou cinco días”. “No mes de agosto, temos sobre todo turistas españois, mentras que en xuño e setembro chegan máis viaxeiros doutros países”, describe.

Na Casa da Penela, establecemento de turismo rural de Mondoñedo, a ocupación roldou o 90% en agosto, “aínda que xullo estivo bastante máis frouxo que outros anos, en torno ao 80%”. Os hóspedes proveñen principalmente “de sitios cálidos”, como Madrid ou Andalucía, que visitan a catedral e o casco histórico e tamén, como non, o monumento natural das Catedrais.

“Os nosos clientes veñen principalmente a relaxarse e non dependemos tanto da climatoloxía”, indica Ana Isabel Fernández, da Casa do Mudo, ubicada na Senra, en Cervo. O establecemento de turismo rural estivo ao completo durante todo o mes de agosto, grazas a unha clientela que na súa maioría repite buscando calma.

VIVEIRO INFORMOU A 32.004 VISITANTES EN DOUS MESES

Os Concellos congratúlanse igualmente polos bos resultados de agosto e do período estival. A oficina de turismo de Viveiro recibiu nos últimos tres meses 32.004 visitantes fronte aos 22.887 de xullo e agosto do ano pasado.

Máis do 80% dos turistas chegaron ao concello procedentes doutros puntos do Estado. Madrid, Galicia, Castela e Léon, Euskadi e Asturias son, por esta orde, as procedencias das persoas que pasaron pola oficina municipal.

Como en anos anteriores, máis da metade dos visitantes pasaron por Viveiro durante o mes de agosto, o de maior afluencia tanto entre os turistas españois como estranxeiros, chegados de Francia, Reino Unido, Alemaña, Italia e Portugal.

O casco histórico, as praias, San Roque, o Souto da Retorta e o Landro son os lugares máis frecuentados polas persoas que visitan o concello que, de media, permanecen en Viveiro entre seis e oito días.

O concello valora “moi positivamente o incremento no número de visitantes” que atribúe “ao traballo realizado ao longo dos últimos para promocionar o noso municipio dentro e fóra das nosas fronteiras”.

25.000 PERSOAS NA FESTA NORMANDA

En Foz, as cifras mantéñense en relación coa pasada campaña, cunhas 30.000 visitas rexistradas entre os dous puntos de información turística do Concello, a oficina de turismo –máis de 14.000- e a basílica de San Martiño –máis de 15.000-.

Neste senso, o concelleiro de turismo, Chema Linares, subliñou o crecente interese polo patrimonio artístico e cultural de Foz e apuntou que “a actividade cultural programada no templo” contribuíu a un maior coñecemento do mesmo.

Linares tamén fixo fincapé no crecemento do turismo extranxeiro, en torno ao 4%, con visitantes procedentes, sobre todo, de Francia, Reino Unido, Portugal ou Alemaña”. Con todo, proseguiu a maior parte dos visitantes, o 90%, son turistas españois, de Madrid, Galicia e Castela e León.

O edil apuntou que “os datos manteñen Foz como un dos referentes turísticos da Mariña” e sinalou que “o obxectivo do equipo de goberno é seguir progresando nesta dirección”.

SETEMBRO, CON OUTRO TIPO DE CLIENTELA, “PINTA BEN”

Aínda que predecir como irá o mes de setembro a día 3 é complicado para o sector, dado que o tipo de cliente é “radicalmente diferente” do de agosto, a hostalería da Mariña confía en que sexa tamén un bo mes.

“A maioría da xente que vén en setembro é máis maior e non busca tanto a praia ou os alicientes habituais. Digamos que son viaxeiros máis expertos e tamén hai moitos comerciantes“, argumentan desde o Isla Nova focego. Dese xeito, sabedores de que a oferta é maior ca nos meses de xullo e agosto, “reservan o mesmo día ou o día antes, así que é máis complicado facer un prognóstico”, expón.

Con todo, en Las Sirenas comezan a primeira quincena do mes cunha ocupación mínima do 50%, que é de prever que se incremente notablemente co paso dos días. Aínda que sabe que calquera circunstancia -especialmente unha mala xeira climatolóxica- pode virar os plans, López espera “traballar ben tamén en setembro e que O Cabazo estea a entre un 75 e un 80%“.

Información de Vanesa Gómez Lourido e Ramón González Rey.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...