IniciosociedadeLoureiro pide a Feijóo que visite Xunqueira, onde a veciñanza "rexeita" as...

Loureiro pide a Feijóo que visite Xunqueira, onde a veciñanza “rexeita” as propostas de prevención da Xunta

A rexedora quere "coñecer a disposición" do Goberno galego para custear obras de reparación e para evitar outra riada, que requiren "da implicación" das administracións

Publicada o

- Advertisement -

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, solicitou de novo unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo, para atopar unha solución ao barrio de Xunqueira, onde no pasado mes de novembro unha riada cobrouse a vida dunha veciña e anegou ducias de vivendas. A rexedora salienta que as propostas de Augas de Galicia “non contan coa conformidade da veciñanza”.

A rexedora lembra que segue pendente “a reconstrucción de Xunqueira e arranxo de desperfectos causados pola riada”, que non só asulagou este barrio, senón que tamén provocou “cuantiosos danos en diversos puntos do concello, como Campo de Verdes, Pontelabrada, Magazos ou A Carreira“.

Loureiro, que segundo explica xa solicitou audiencia con Feijóo ao rematar as pasadas eleccións municipais, asegura “querer coñecer a disposición da Xunta de Galicia para financiar tanto para as obras de reparación como para a execución das actuación recollidas no plan específico de xestión de risco para a área fluvial do río Fontecova“.

“Sabemos que a Deputación de Lugo estaba disposta a colaborar na reconstrución do barrio de Xunqueira e a Xunta tamén anunciou a súa intención de axudar, pero non temos información ao respecto, máis alá da limpeza de estradas e viais autonómicos”, asegurou a rexedora, que insta a Feijóo a visitar o barrio, “onde as consecuencias da riada son visibles”, e comprobar “unha situación excepcional” que require “a implicación e o consenso de todas as administracións”.

Loureiro explica que a vindeira semana celebrarase unha reunión de voceiros para “falar do plan remitido e das tres posibles solucións, que non contan coa conformidade dos veciños, sobre todo no que se refire ao ensanchamento do río“.

TRES ALTERNATIVAS

O informe hidrográfico remitido por Augas de Galicia ao Concello de Viveiro ofrece tres alternativas para evitar unha nova riada. Entre as opcións expostas por Augas de Galicia, unha delas -a mellor valorada desde o punto de vista técnico- pasa por ampliar a sección do río e habilitar un paso peonil para que os veciños accedan ás súas casas. Os custos oscilan entre os 436.000 e os 505.000 euros.

Loureiro expón que a xuntanza dará continuidade ás reunións celebradas anteriormente, e sinala que a resposta remitida a Augas de Galicia, na que se instou ao ente hidráulico a decidir que obra facer no barrio, contou co consenso dos grupos políticos. A intención do goberno local é “volver consensuar unha resposta conxunta para responder ao último escrito remitido ao respecto pola Xunta”, que agarda “desde marzo” por unha “decisión do goberno local”.

OUTROS TEMAS A TRATAR

A rexedora sostén que quere tratar co presidente da Xunta outros “asuntos de especial relevancia para Viveiro”, como o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), a Vía de Alta Capacidade (VAC) da Costa Norte ou o saneamento da ría, así como sobre “proxectos anunciados para o concello”, como “a colaboración respecto ao Conservatorio Profesional de Música, a conexión de Viveiro con Cabreiros, o Museo da Semana Santa ou a mellora, reorganización e humanización da fachada marítima“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...