O Concello de Mondoñedo anunciou que vén de formalizar coa empresa Adamo, o operador de fibra óptica coa velocidade máis rápida de España –1.000 Mb de descarga e 300 de subida-, un convenio para dotar de banda longa a empresas e núcleos de poboación do municipio.
Así, segundo expón o goberno local, comezouse a implantar o servizo na avenida das San Lucas, a rúa José María Pardo, no casco urbano e no barrio dos Muíños onde xa se deron de alta os primeiros clientes.
A alcaldesa de Mondoñedo, a popular Elena Candia, e o responsable da entidade na zona norte, David Llano, asinaron o convenio. Desde o Concello aseguran que este servizo “está a supoñer un salto cualitativo na capacidade e velocidade de acceso á Internet dos fogares e empresas da localidade, polo que será “chave para o desenvolvemento social e empresarial do concello”, argumentou a rexedora.
Concello e Adamo prevén que antes de que remate o ano, estará completada a primeira fase de implantación. O proxecto foi posible grazas á resposta veciñal ao sistema Fiberhoods, de tal xeito que as persoas rexistradas no mesmo gozarán das condicións especiais de lanzamento, tal e como explicou Llano.
COLABORACIÓN EN “PROXECTOS DEPORTIVOS E SOCIAIS”
Candia tamén sinalou que “o convenio establece tamén a creación dunha mesa de traballo entre o Concello e Adamo para participar e colaborar en proxectos deportivos e sociais”.