Un total de 2.789 alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e de Bacharelato comezarán o vindeiro luns, 16 de setembro, o curso nos centros educativos da Mariña Lucense, segundo datos achegados pola Consellería de Educación.
No tocante á ESO, A Pontenova contará con 72 estudantes; Alfoz, con 74; en Burela formaranse 340 alumnos; en Cervo, 92; en Foz, 189 no ensino público e outros 186 no concertado; en Mondoñedo, 192.
En Ribadeo estudarán 258 alumnos no ensino público e outros 159 no concertado; Viveiro acollerá 548 estudantes, polos 78 de Xove. Deste xeito, son 2.188 os estudantes da ESO matriculados na bisbarra.
Con respecto ao Bacharelato, só ofertan esta formación os centros educativos dos municipios de Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro.
En Burela comezarán o curso 146 alumnos; en Cervo, 27; en Foz, 91; en Mondoñedo, 36; en Ribadeo, 115 e en Viveiro 186, para un total de 601 estudantes.
MENOR PESO DO BACHARELATO NO CONXUNTO DA PROVINCIA
Os 2.188 alumnos da ESO na Mariña representan o 23,81% dos matriculados na provincia de Lugo (un total de 9.187). No tocante ao Bacharelato, os 601 estudantes dos centros educativos mariñaos supoñen o 19,4% do global provincial (3.099).
FORMACIÓN PROFESIONAL
Tamén comezarán o curso o luns os estudantes da Formación Profesional (FP), aínda que por agora a Consellería non ofrece os datos ao non estar pechada a matrícula nas especialidades desta rama.
SETE ERASMUS+ NO IES DE FOZ
Durante o mes de setembro, segundo informou o IES de Foz, realizaranse sete mobilidades de alumnado e profesorado dentro do programa Eramus+.
Estudantes do Ciclo Medio de Cociña realizarán prácticas na rexión de Antalya (Turquía) e alumnas do Ciclio Superior de Dirección de Cociña traballarán en Matera (Italia) durante dous meses. Ademais, profesores do centro formaranse en Baden-Wurtemberg, Alemaña, sobre como funciona o sistema educativo alemán.