O voceiro do Partido Popular (PP) de Ribadeo, Daniel Vega, emprazou ao alcalde ribadense, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, a que “chame á oposición” para falar do abastecemento, unha cuestión pola que o rexedor e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, polemizaron publicamente ao longo dos últimos días.
Vega considera “sorprendente” que, trala misiva na que Feijóo, sostén o voceiro, “avanzou a posta a disposición do Goberno galego para abordar a mellora do abastecemento de auga en Ribadeo, Suárez Barcia aínda non chamara aos grupos da oposición para falar dun dos temas máis importantes para os ribadenses”.
Tanto o rexedor ribadense como a alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, pediran audiencia co presidente da Xunta trala última rotura da traída que vén desde Vilarbetote, cunha canalización de fibrocemento de décadas de antigüidade. O alcalde de Ribadeo solicitou información sobre o suspendido proxecto do Goberno autonómico para substituír o treito da acometida, cun importe superior aos cinco millóns de euros.
MOCIÓN PARA DEBATER NO PLENO
Vega remarca que o grupo municipal popular está “disposto a debater” para chegar a “un pacto pola defensa do abastecemento da auga de Ribadeo”. Neste senso, o voceiro dos conservadores ribadenses avanzou que a formación presentará unha moción para pedir no pleno “a recuperación dos documentos técnicos elaborados no seu momento por Augas de Galicia para a mellora do abastecemento no municipio e, de ser o caso, completar o estudo”.
Entre os outros acordos propostos polo PP ribadense está “a posta a disposición dos terreos precisos para o novo depósito de auga e a procura do financiamento a través da colaboración institucional, implicando tamén á Deputación Provincial”.
“O BNG NON INVESTIU UN EURO EN DOCE ANOS”
O voceiro do PP defendeu a resposta do presidente da Xunta á petición dos rexedores de Trabada e Ribadeo, pois, se ben non comprometeu a entrevista pedida, “si anunciou ter pedido á Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Ethel Vázquez) que a atenda, demostrando a súa vontade de colaborar nun proxecto en beneficio da veciñanza”.
Vega insiste en que “tanto o abastecemento como o saneamento son competencias municipais e é función do goberno local buscar a maneira de acometer as obras necesarias a través da colaboración institucional, como sempre defendemos”. Así, critica que o executivo municipal do BNG “non investiu en doce anos nin un só euro” nesta cuestión.