O Concello de Burela anunciou este martes que encargará un estudo económico para cuantificar o custo da demolición da grada do campo de fútbol da Marosa, sede do equipo xuvenil e sénior da Sociedade Deportiva (SD) Burela, que sofre un problema estrutural.
Así o anunciou o concelleiro de deportes, o socialista Ramiro Fernández Rey, que expón que “o que máis présa corre agora mesmo” é “saber canto pode custar” a demolición da grada afectada, “que é o que máis nos urxe e o que nos recomendaron os técnicos”.
PROBLEMA “PREOCUPANTE”
Fernández Rey sinala que “o seguinte paso será facer un proxecto para unha grada nova, ver que alternativas temos e que tipo de grada queremos”. Neste senso, o edil referiuse á posibilidade de que haxa que prescindir dos vestiarios –soterrados dentro da estrutura- e ubicalos “ao lado do campo. Temos que mirar se podemos conservar esa situación ou cambialos de lugar”, explica.
O concelleiro argumenta que as deficiencias estruturais da grada do campo de fútbol de herba artificial “é un problema que apareceu nestas últimas datas, que nos preocupa bastante e que queremos deixar resolto o antes posible“.