Logo de formarse nas categorías de base do club e rematar na pasada campaña a súa etapa xuvenil, Christian Rivas García, ‘Pitero‘ (Burela, 1999), vivirá a súa primeira tempada con ficha do primeiro equipo do Pescados Rubén FS. O prometedor á-peche burelés pechará o bloque que adestrará Juanma Marrube.
Na súa etapa xuvenil, Pitero acumulou éxitos. Foi internacional coa selección española sub-19 -ao igual que outros compañeiros, como Nito Valle e Luismi Nieto– e gañou o título de Liga da División de Honra xuvenil nas dúas últimas campañas. Tamén foi un habitual nas convocatorias do combinado galego da categoría.
Na tempada pasada, marcada polas lesións que non lle deixaron ter continuidade, Pitero xa foi un máis na dinámica de traballo do primeiro equipo. “É o exemplo de que con traballo e compromiso se pode dar o salto dende a base”, asegura Manuel Blanco, o presidente laranxa. De feito, Pitero será o cuarto canteirán ás ordes de Juanma, con Iago Míguez, Hélder e Renato.
BLOQUE PECHADO
Salvo algunha novidade non prevista, o bloque do Pescados Rubén Burela para a campaña 2018-2019 está pechado. Os porteiros Edu e Imanol (procedente do Jaén Paraíso Interior); os peches Pope, Lucho (Levante) e Hélder; os ás Renato, Vargas (Levante), Iago Míguez, Pitero, Juanfran (Natuperllet Segovia) e Porto (Lugo Sala); e os pivotes Luisma e Matamoros.