IniciosociedadeA veciñanza de Xunqueira anuncia protestas se non se lle "escoita" na...

A veciñanza de Xunqueira anuncia protestas se non se lle “escoita” na reconstrución do barrio trala riada

A veciñanza rexeita as tres alternativas propostas por Augas de Galicia e o Concello pide ao ente hidráulico da Xunta que se implique na elección das actuacións a acometer na zona

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación de Veciños Valdeflores de Xunqueira esixiu a través dun comunicado que se lles “teña en conta” á hora de abordar un proxecto para o barrio, onde unha muller morreu no pasado mes de novembro a causa dunha riada que anegou ducias de vivendas.

A veciñanza, “unhas 160 familias“, celebrou unha asemblea na que se abordaron as tres posibilidades expostas por Augas de Galicia para evitar risco de inundacións no barrio, dúas das cales pasan por ampliar a sección do río Fontecova. Os veciños lamentan que non foron “visitados nin consultados” para consensuar a toma dunha decisión que lles afecta directamente, pois algúns dos proxectos pasan pola eliminación de accesos ás vivendas e a disposición de pasarelas ás mesmas, e mostran o seu rexeitamento ás tres alternativas propostas polos técnicos.

Os veciños sinalan que os proxectos de Augas de Galicia resaltan que o barrio é zona protexida do Plan de Protección e Reforma Interior (Pepri), “polo que calquera modificación urbanística ten que ter en conta a Patrimonio“.

DESAPARICIÓN DO RÍO PEQUENO E UN HUMIDAL

A veciñanza de Xunqueira considera “unha omisión grave” contemplar que neses proxectos “desaparece o Río Pequeno, existente desde principios do século XVII trala construción dunha presa no lugar dos Pelamios, para subministrar auga á fábrica de curtidos -hoxe complexo museístico- e alimentar seis muíños no seu percorrido. Ese canal de augas desemboca no humidal de Xunqueira, que se verá afectado así como a súa zona de criadeiro e refuxio de aves“.

“SEN ACCESO DA AMBULANCIA” PARA UNHA POBOACIÓN MAIOR

Ademais, cuestionan que coas propostas achegadas polo ente hidráulico da Xunta de Galicia “poida chegar unha ambulancia ou un vehículo” a unha veciñanza con “todos” os seus membros “maiores de 50 anos“.

PROPOSTAS

Así, na zona máis alta do río esixen “un compromiso” por parte de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente de “manter vixilancia sobre as cortas de madeira e conservar limpa a zona para que non se repita outra desgraza”.

Na área onde o río entra no barrio, reclaman “unha ponte máis grande e máis alta” en Pedro Mestre, así como mercar ao veciño a casa que ameaza con caer sobre o río “para tirala e ampliar o cauce, deixando paso rodado para os veciños da Carrapota“.

No tocante ao barrio contemplado no Pepri, a veciñanza pide a ampliación do cauce ao seu tamaño “antes de que (o alcalde popular) César Aja cubrira as milenarias pedras de granito feldespático con cemento”. Así, podería reducirse “a anchura do río dous metros, e de paso limpar o cauce de cascotes e cemento”. No tocante á eliminación das escadas proposta pola Xunta, “nós contemplamos un ancheo do caudal ata o final das bases das árbores alí existentes”.

Os veciños tamén piden a restauración da fonte e da presa e están de acordo en que na ponte medieval “se faga un aliviadorio para crecidas no lado dereito, baixo a rúa Camiño Real”.

Na zona abaixo da ponte, a veciñanza de Xunqueira rexeita que “desapareza” a rúa do Campo da Festa, propoñendo aumentar o cauce “ocupando o valado das monxas”, con “base de cemento nalgúns sitios”.

“Queremos un barrio tal como era, sen o derrubo do noso histórico urbanismo pintado por Julia Minguillón, Bujados e outros artistas, sen disculpas nin que outros organismos paguen erros alleos”, resume a agrupación, que asegura que “se non veñen escoitarnos” a veciñanza “comezará as mobilizacións e cortes de estrada no mes de outubro“.

SOBRE AS CAUSAS DA RIADA: “NON FORON AS CHUVIAS”

A veciñanza rexeita tamén as explicacións de Augas de Galicia sobre as causas da riada. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade insistiu en que foron “chuvias que se repiten cada 500 anos” as que provocaron o desastre, unha afirmación que os veciños cualifican de “mentira, e por moito que se repita non se vai converter nunha verdade”.

“FALTA DE VIXILANCIA” DAS CORTAS “NO TREITO ALTO”

Así, atribúen á “falta de control de Medio Ambiente e Augas de Galicia das cortas de madeira que se fan nas ladeiras do río” o anegamento do barrio, xa que “dous quilómetros máis arriba” producíronse acumulacións de troncos e restos “en tres puntos da parte superior do Fontecova” que causaron a avalancha. “Unha das presas chegou a ter 18 metros de ancho e case cinco de alto“, precisan.

O colectivo lembra que instou á Administración autonómica en reiteradas ocasións a limpar esa área e conclúe que “do que sucedeu en Xunqueira non tivo culpa a zona plana desde A Carrapota ata o campo da festa nin as copiosas chuvias”.

A CORPORACIÓN “NON VAI CONTRADECIR” AOS PERITOS

Este mércores, os voceiros das forzas políticas da corporación reuníronse para abordar a reconstrución do barrio. Segundo expuxo a alcaldesa, a socialista María Loureiro, Augas de Galicia enviou un escrito urxindo á corporación a “elixir” unha opción para Xunqueira. A rexedora indica que o ente hidráulico comprometeuse esta vez por escrito a financiar economicamente algún dos proxectos, con custos contemplados entre os 436.000 e os 505.000 euros.

A comisión de voceiros decidiu solicitar unha xuntanza entre os técnicos municipais e os de Augas de Galicia, ademais dos representantes políticos, para escoller unha opción da que se deberá “facer partícipe” á veciñanza de Xunqueira. O Concello “non vai contradecir aos peritos” pero quere implicar ao ente hidráulico na toma dunha decisión ao respecto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...