O Concello de Mondoñedo anunciou este mércores que licitou a demolición dun edificio en esquelete ubicado na avenida As San Lucas, unha actuación coa que pretende combater “o feísmo urbanístico” e que contará cun orzamento de 69.451 euros, con cargo ao premio Galicia Parabéns.
A alcaldesa, a popular Elena Candia, expuxo que se trata dun “esquelete formigonado” que carece de utilización, polo que agradece aos propietarios do inmoble “a actitude colaboradora que mantiveron en todo momento”. Os titulares cederán ao Concello temporalmente o uso do terreo.
Candia explicou que o proxecto inclúe traballos de xardinaría, con plantación de especies arbustivas autóctonas. Deste xeito, confía en que “a imaxe da rúa, unha das máis dinámicas de Mondoñedo, mellorará moi notablemente”.
O premio Galicia Parabéns da Xunta de Galicia está dotado con 400.000 euros e premia o compromiso dos municipios co patrimonio e a paisaxe. Na súa máis recente edición tamén recibiu esta distinción o Concello de Celanova. Neste senso, Candia asegurou que “o goberno municipal seguirá avanzando na loita contra o feísmo urbanístico en todos as súas manifestacións, de modo moi sinalado no caso das estruturas inútiles“.
REUNIÓN INFORMATIVA COS VECIÑOS O LUNS
A rexedora informará aos veciños sobre as iniciativas que están en marcha e perfiladas para embelecer Mondoñedo, como no caso da avenida de As San Lucas, nunha reunión que se celebrará o próximo luns, ás 20.00 horas, no salón de plenos do consistorio.