O Concello de Xove asinou un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a través do que convocará un concurso de proxectos para renovar o complexo do centro cívico municipal, que aglutina edificios como o consistorio, o centro cultural, a piscina ou o polideportivo-. O acordo tamén facilitará optar a fondos europeos FEDER, que premian as inversións que favorecen o paso a unha economía baixa en carbono.
As instalacións, con 30 anos de antigüedade, precisan de melloras enerxéticas, da envolvente térmica, das formas estéticas e de accesibilidade dos edificios. O seu deseño foi o resultado dun concurso aberto no que participaron 20 equipos de arquitectura, e a intención do goberno local xovense é repetir a fórmula.
AUDITORÍA
Na primeira parte do convenio licitarase a auditoría dos seis edificios que forman o complexo, para obxectivar as súas necesidades en aspectos coma a seguridade, o aforro enerxético ou a accesibilidade.
A continuación, convocarase un concurso público, aberto e anónimo, cunha primeira fase de compilación de ideas, da que sairán tres propostas, e unha segunda quenda na que os tres arquitectos elixidos desenvolverán os seus plans para o complexo. O gañador desta última criba será o encargado de realizar o proxecto de execución.
Asinaron o convenio o alcalde xovense, Demetrio Salgueiro, e Raúl José Veiga, presidente do Colexio Oficial de Aquitectos de Galicia en Lugo.