InicioEconomíaO PSOE acusa á Xunta de incumprir o mandato parlamentario de estudar...

O PSOE acusa á Xunta de incumprir o mandato parlamentario de estudar a poboación de ourizo na Mariña

Os socialistas denuncian que, malia instar o Parlamento ao Goberno galego a analizar o impacto da extracción por mergullo, o vindeiro plan de explotación farase sen a análise do recurso

Publicada o

- Advertisement -

A voceira de pesca do PSdeG-PSOE, Patricia Otero, acusou este luns á Xunta de Galicia de incumprir co mandato parlamentario para estudar o impacto na poboación de ourizo da Mariña e Ortegal da extracción mediante mergullo con aire asistido dende a superficie. A deputada autonómica socialista presentou unha pregunta oral en Comisión parlamentaria diante das protestas das confrarías, que se ven prexudicadas por esta nova modalidade extractiva.

Otero lembrou que o acordo parlamentario para pedirlle ao Executivo galego unha nova mostraxe imparcial e aleatoria data do pasado mes de marzo, dende o que “deixaron pasar un verán con condicións climatolóxicas óptimas e a pesares do cal renunciaron a realizar o dito estudo”. Advirte a deputada socialista de que, deste xeito, “obrigan a aprazar as mostraxes ata o próximo verán, co que o próximo plan de explotación terá que ser asumido sen ter en conta as conclusións do dito estudo“.

“PREXUÍZO” PARA OS MARISCADORES A PÉ

A parlamentaria socialista reclamou unha mostraxe aleatoria logo de que, tal e como denuncian as confrarías implicadas, “a anterior fora realizada dende as embarcacións dos adxudicatarios da explotación do ourizo de mar con esta nova modalidade e nos lugares escollidos por eles mesmos“. Chamou así a evitar “que se repitan” os episodios de “escaseza deste recurso, evitando a sobreexplotación e o peche temporal obrigado dos bancos do equinodermo”.

Hoxe hai 29 mariscadores a pé cun tope de extracción de 50 quilos diarios, co que retiran 1.480 quilos ao ano, ademais de que “dependen das mareas e da situación atmosférica. Sen embargo, hai “dúas lanchas con catro mergulladores que, sen estas dependencias, poden retirar 80 quilos ao día por persoa, o que eleva a extracción a 6.480 quilos ao ano”.

“CAMBIO DE CRITERIO” DO PP

Otero sinalou que “non estamos a pedir que se prohiba esta modalidade de extracción, senón que se faga unha mostraxe obxectiva e, en función dos resultados, decidan se a autorización de mergullo é factible ou non”. Reclamoulle ademais ao Executivo autonómico do Partido Popular (PP) que “explique por que agora autorizan unha modalidade de recollida da especie que antes criticaban”.

Lembrou así ás iniciativas presentadas polo ex parlamentario do PP, José Manuel Balseiro, que en 2011 e 2012 alertara do impacto negativo na especie das novas fórmulas de mergullo. A parlamentaria socialista explicou que o ourizo de mar non se atopa hoxe en perigo, pero vén de sufrir etapas de peche, e a autorización desta modalidade de extracción “pode esgotalo e prexudicar aos mariscadores a pé”.

INSTAN Á XUNTA A REHABILITAR VIVENDAS EN VIVEIRO

A voceira de urbanismo do grupo socialista, María Pierres, esixiulle tamén este luns ao Goberno galego que leve a cabo a rehabilitación integral de tres vivendas de Viveiro titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), situadas no cruce de Rosalía de Castro con Fernández Victorio.

A parlamentaria socialista lembra que os inmobles son de titularidade do goberno galego dende 2006 e que “o fin último para o que foron adquiridos foi a súa rehabilitación integral como vivendas de protección pública (VPP)”. Acusou ao Executivo de “obviar a demanda existente neste Concello”, con 46 familias demandantes de VPP, 44 delas en réxime de aluguer, e 11 delas especificamente no casco histórico.

Vivenda por rehabilitar en Viveiro. AXM

Censurou que o PP local “amosa sen reparos a súa visión selectiva, reclamando nesta vila a rápida actuación do Concello no abandono de vivendas de particulares, e non tanto no que é a propia Administración autonómica a propietaria alomenos dende hai 13 anos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...