EFE. Quedou suspendido esta mañá o xuízo que hoxe ía celebrarse na Audiencia Provincial de Lugo contra un home acusado de arremeter contra as testemuñas presenciais que lle reprocharon a súa actitude ante unha suposta agresión machista en plenas festas de Celeiro (Viveiro), pola que se está seguindo un proceso diferente no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Xixón.
Fontes xurídicas informaron a Efe de que aínda non se sinalou nova data para a vista polos feitos que sucederon o 24 de xullo de 2016, sobre as cinco da madrugada, cando se produciu unha “grosa discusión” entre o acusado e a súa parella, que acabou cunha suposta agresión á muller.
Ao reprocharlle varias testemuñas o seu comportamento, o home enfrontouse a eles e, antes de que conseguisen reducilo, supostamente lesionou a tres persoas, entre elas ao camareiro e a un cliente dun dos bares da festa.
Segundo o escrito de acusación do ministerio fiscal, o cliente levouse a peor parte, porque se caeu ao chan e golpeouse a cara contra un bordillo, motivo polo cal perdeu unha peza dental.
A FISCALÍA PIDE SEIS ANOS POR LESIÓNS E INXURIAS
Posteriormente, unha vez practicada a correspondente detención, o suposto agresor foi trasladado ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro para ser asistido das súas propias lesións, pero alí mostrouse “violento e agresivo”, ademais de insultar gravemente á doutora que se ocupou de atendelo, á que lle chamou “puta, colombiana, asquerosa, gorda, foca” ou “panchita de merda”.
O fiscal considera que estes feitos son constitutivos dun delito de lesións, outros dous de lesións leves e un máis de atentado -ou alternativamente de inxurias, coa agravante de motivación racista e sexista-, polo que pide para o acusado seis anos de cárcere e unha multa de 1.080 euros, ademais das correspondentes indemnizacións ás persoas lesionadas.