O Concello de Burela presentará o día 27 a Feira do Bonito e incluirá no acto de presentación unha degustación do túnido a cargo dos membros da recén creada Asociación de Cociñeiros da Mariña.
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalou que está en conversacións coa agrupación para sacar adiante a iniciativa e que espera que cada un dos cociñeiros poda achegar “dúas ou tres receitas” do bonito.
DE INTERESE TURÍSTICO NACIONAL
Llano anunciou tamén que o goberno local presentará en setembro a solicitude para que a Feira do Bonito, que se celebrará o 4 de agosto, sexa declarada de Interese Turístico Nacional. O rexedor agarda que o evento teña ese recoñecemento “a finais de ano”.
CONCURSO DE CARTELES
A agrupación cultural Ledicia, que organiza a Feira do Bonito, anunciou os nomes dos gañadores do concurso de carteles que anunciarán o evento.
Na categoría A, para menores de 14 anos, gañou Clara Vázquez Cayón. A súa creación ilustrará os programas de man.
Na categoría B, para maiores de 14 anos, a obra elixida foi a de David Fernández Rodil, ‘Davixino‘, que protagonizará o cartel anunciador.