O comité de empresa do complexo industrial de Alcoa en Cervo convocou para vindeiro mércores, 16 de outubro, unha concentración en San Cibrao.
Segundo informaron os sindicatos este venres, a cita será na Praza dos Campos sancibrense a partir das 20.30 horas, baixo o título: ‘Polo futuro da Mariña: eu tamén vivo do aluminio‘.
Trátase da segunda concentración convocada polos traballadores nos distintos concellos da Mariña Lucense.
ESIXE AO GOBERNO “UNHA SOLUCIÓN” AO PREZO DA ENERXÍA
A primeira protesta, celebrada en Xove o pasado mércores, tivo o respaldo de máis de tres mil persoas, que se pronunciaron a prol da continuidade para unha planta de aluminio que Alcoa pon en cuestión sen un abaratamento do prezo da electricidade.
Os traballadores reclaman ao Goberno central “un marco enerxético competitivo e estable” para equiparar os custos da electricidade, que supón segundo Alcoa o 40% dos gastos de produción de aluminio, aos de países como Francia ou Alemaña.