InicioM.ambiente e PatrimonioAs Xornadas de Arqueoloxía Marítima amosarán pezas inéditas da fragata Magdalena

As Xornadas de Arqueoloxía Marítima amosarán pezas inéditas da fragata Magdalena

A terceira edición do encontro, os días 23 e 24 de novembro en Viveiro, exporá a fotogrametría realizada ao pecio, afundido na ría en 1810

Publicada o

- Advertisement -

As terceiras Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima Cidade de Viveiro, que se celebrarán os días 23 e 24 de novembro, amosarán pezas inéditas da fragata María Magdalena, afundida na ría no 1810, e tamén coñecer a partir de varias conferencias as distintas fases da investigación arqueolóxica subacuática.

O Concello de Viveiro e maila Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS) presentaron este luns o evento, que organizan coa colaboración da federación galega da especialidade (FEGAS), a Deputación de Lugo e a Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), que recoñece as xornadas con 0,5 créditos ETC.

O edil de mar de Viveiro, o socialista Suso Fernández, remarcou a “sorpresa” dos organizadores pola “moi boa aceptación” que tiveron as xornadas “tanto por parte dos cidadáns de a pé como dos especialistas na materia”. O concelleiro destacou que “o tipo de charlas cada vez é máis amplo” e precisou que o cambio de data do encontro -que se celebraba habitualmente dúas semanas antes- se debeu principalmente ás eleccións xerais do 10 de novembro.

Fernández fixo fincapé na “cantidade de xente afeccionada” á arqueoloxía marítima en Viveiro, “unha cidade que foi porto de mar durante toda a súa existencia”, con “ata tres clubs de buceo amateur”.

A INTERNACIONALIZACIÓN, OBXECTIVO DAS VINDEIRAS CITAS

O viveirense Antón López, da FEDAS, remarcou que o obxectivo da cita, “unha referencia no norte de España”, é “ofrecer charlas de especialistas cunha reputación e unha traxectoria consolidadas”.

Participarán nas conferencias, que tocarán todos os aspectos da cultura marítima, investigadores das tres provincias galegas marítimas, Asturias, Cádiz, Xaén, Mallorca e Portugal. Neste sentido, López asegura que o seguinte paso que a organización quere dar é “unha internacionalización das xornadas, cun número maior de relatores estranxeiros”.

AS FASES DA ARQUEOLOXÍA SUBACUÁTICA, AO DESCUBERTO

López explicou que “por fortuna e case sen querer” cinco relatorios desenvolverán as distintas partes da investigación en arqueoloxía subacuática: a formación, as investigacións, a consolidación dos pecios, o uso das novas tecnoloxías e finalmente a divulgación.

CONFERENCIAS

Yan Maufrett, Paul Bonel e Álex Abarrategui, carpinteiros de ribeira, falarán dos asteleiros Chantier du Guip, da Bretaña.

Andrea Sanz Catalá, do IBEAM (Instituto Balear de Estudios en Arqueología Marítima) pronunciará unha conferencia sobre a conservación in situ como ferramenta prioritaria en xacementos subacuáticos, co caso práctico de Porto Cristo, en Mallorca.

Tiago Brochado, Miguel Costa, Jorge Marchado, Mar Cortegoso e Brais Currás exporán as súas conclusións sobre a produción de sal en época romana na costa atlántica do Noroeste da Península Ibérica.

Raúl González Gallero falará sobre o pecio de La Ballenera, que supón o xacemento escola do Máster de Arqueoloxía Náutica e Subacuática da UCA (Universidad de Cádiz).

O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, e Vicente Míguez tamén participarán no encontro cunha conferencia sobre o seu libro ‘Conserveiras‘.

Vicente Ruíz García, da UNED, disertará sobre ‘Los Arenales del Rey, ciencia e tecnoloxía baixo o espírito da Ilustración‘.

Ana Isabel Bello fará unha explicación sobre o funcionamento da Infantería de Mariña e referirase ao episodio de Piedra Picada, no 1895, no contexto da Guerra de Cuba.

Nicolás Alonso Rodríguez e Cristina Heredia Alonso. falarán do Espacio Portus, centro de interpretación pertencente á Autoridade Portuaria de Avilés.

Pechará os relatorios un tema local, como é costume. Luis Javier Rodríguez Cabeceiras e Perfecto Luis Souto Torres exporán a documentación gráfica do pecio da fragata María Magdalena.

Podes consultar o programa completo cos horarios correspondentes no seguinte pdf: XORNADAS ARQUEOLOXÍA

NOVAS TECNOLOXÍAS

Esta última charla explicará os resultados da fotogrametría que se está realizando tanto baixo a auga como no museo EXPONAV. “Teremos exemplos deses dous traballos, coa documentación que as novas tecnoloxías nos permiten obter”, indicou López, que asegurou que “veranse pezas por primeira vez” da fragata Magdalena.

O PALOMO, ESQUIVO

Respecto ao bergantín Palomo, afundido coa fragata, López explicou que “está incluído nos estudos que estamos realizando, pero atopámonos cos problemas da sedimentación, a cantidade de area que baixa co río e se deposita nas beiras, e coa incidencia que ten a marea, que está a deixar ao descuberto a Magdalena desde a ampliación do espigón en Covas“.

O arqueólogo asegurou que “por agora fumos incapaces de dar con el. Utilizamos varias técnicas; o barrido lateral, a prospección visual e penetracións dun metro, pero non o localizamos na zona onde se supón que está. Necesitariamos quizais un penetrador máis potente, que nos permita facer catas de dous por dous metros. O Palomo segue a sernos esquivo”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...