Foz e San Cibrao festexan este luns o día grande das festas en honra da Virxe do Carme, a patroa dos mariñeiros e da xente do mar.
As alfombras florais de Foz destacaron de novo pola súa creatividade. O deseño dunha menina foi decorado con diferentes temáticas: houbo chiscadelas a Sargadelos, ao traxe galego ou mesmo unha homenaxe -con cor lila- ás vítimas da violencia machista. Os veciños traballaron a reo para confeccionar os tapetes, nos que tamén se poideron contemplar vistosos motivos xeométricos ou referencias constantes ao medio mariño e á pesca.
A procesión coa figura da virxe e o cántico da Salve Mariñeira foron, tanto en Foz como en San Cibrao, dous dos momentos máis agardados da mañá. Na localidade do municipio cervense, ducias de persoas déronse cita para participar na tradicional misa do porto e na ofrenda aos mariñeiros falecidos, a cargo de Sara Campo López.
Pero a festa segue. Luar Na Lubre actuará en San Cibrao esta noite, e Foz bailará ao ritmo da orquestra Costa Oeste.