O concerto de Kiss, “un dos últimos da súa historia”, segundo a organización, será o gran atractivo do Resurrection Fest, que se celebrará do 11 ao 14 de xullo no campo de Lavandeiras, en Celeiro (Viveiro).
A sede da Deputación de Lugo acolleu a presentación do festival. O goberno provincial achega 130.000 euros ao evento, que xerará un impacto de 13 millóns de euros e 2.000 postos de traballo, segundo os cálculos dos organizadores. Os impulsores da cita agardan a presenza de 85.000 espectadores, procedentes de 30 países.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, resaltou que o ente que dirixe é a principal institución colaboradora “do que está considerado o mellor festival de Galicia e un dos máis potentes de España. O Concello de Viveiro e Lugo converteranse durante catro días na capital mundial do rock”, asegurou. A achega do goberno provincial enmárcase nunha “aposta por dinamizar a economía, o turismo e a vida nas nosas vilas”, indicou Campos.
os impulsores agardan NA cita A 85.000 espectadores, procedentes de 30 países
Kiss e Scorpions encabezan o cartaz do Resurrection Fest 2018, que conta con máis de cen artistas. O público adquiriu xa o 80% dos abonos da décimo terceira edición, a un prezo de 130 euros. Os asistentes poderán elixir entre tres zonas de acampada.
Logo de cumprir 45 anos como banda, Kiss ofrecerá “un dos últimos concertos da súa historia”, precisou Iván Méndez, un dos responsables da cita. Scorpions “son un dos grupos de hard rock con máis discos vendidos”, resaltou. E ademais “contaremos con outras formacións máis actuais e de moda como Ghost ou Stone Sour”, engadiu o organizador do evento.
RECORDO A ROEL
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, subliñou a “implicación” do Concello e lembrou os “complicados inicios do festival”. A rexedora reivindicou a figura do seu predecesor no cargo, o falecido Melchor Roel, impulsor deste acontecemento musical.