O grupo municipal do Partido Popular (PP) de Foz presentou unha moción instando ao goberno municipal e a outras administracións a poñer en valor o castro de Lelle, ubicado en San Martiño, nunha espazo de 15.000 metros cadrados que foi adquirida polo goberno conservador no ano 2018.
A edil popular Laura Riveira lembra que o anterior executivo “fixo unha grande aposta” coa adquisición de varias parcelas e a eliminación dos eucaliptos que estaban a danar o xacemento. Así, o PP espera “que se contrate un proxecto de recuperación que permita solicitar a outras administracións o financiamento necesario para levalo a cabo e pór en valor este conxunto histórico tan importante”.
“Pedimos que se redacte un proxecto no que se inclúa unha limpeza máis exhaustiva e o tratamento dos tocóns, que contemple un levantamento topográfico e un voo con dron para acadar un mellor estudo, a avaliación de posibles propeccións arqueolóxicas futuras e creación de percorridos con carteleiras informativas, ademais dun selado superficial con capa vexetal tipo herba natural ou céspede que permita un mantemento rutinario“, resume Riveira.
500 METROS DE SEPARACIÓN
Os conservadores tamén propoñen “unir o castro coa basílica, separados por 500 metros, cunha senda peonil para formar con elo un conxunto histórico que tería un valor cultural e turístico incalculable, e animamos ao goberno local a seguir adquirindo terreos para que se poidese contar cun aparcamento colindante á estrada, para facilitar o acceso”.
FINANCIAMENTO A TRES BANDAS
O PP focego considera que o financiamento deste proxecto debera correr a conta do Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.