IniciosociedadeO bipartito de Foz renuncia "por responsabilidade" a reabrir o debate sobre...

O bipartito de Foz renuncia “por responsabilidade” a reabrir o debate sobre a ubicación da depuradora

PSdeG-PSOE e BNG acatarán a construción da nova EDAR en Forxán se o anteproxecto recibe a luz verde, ante o "risco" de perder fondos europeos que supoñen o 80% do financiamento

Publicada o

- Advertisement -

O bipartito de Foz renuncia a reabrir o debate sobre a ubicación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz, unha cuestión que xerou polémica na anterior lexislatura, e respectará -se Augas de Galicia así o estima unha vez se resolvan as alegacións presentadas ao anteproxecto da EDAR– a súa instalación na Granda, na zona de Forxán, sacada adiante na pasada lexislatura polo executivo municipal do PP e por Foz Plataforma de Futuro (FPF).

Tanto o PSdeG-PSOE como o BNG rexeitan prolongar o procedemento “por responsabilidade” ante o retraso do expediente da nova depuradora. O alcalde, o socialista Fran Cajoto, remarca que se asinou unha adenda ao convenio acordado no 2016 con Augas de Galicia para a construción da EDAR, que retrasaría a súa posta en funcionamento ata o 2022.

NOVO RETRASO DAS PREVISIÓNS, CON DATA DE 2022

Deste xeito, a previsión de rematar a obra no 2020 non se cumprirá. A Xunta de Galicia reservou, de feito, algo máis de 500.000 euros para a depuradora nos orzamentos do vindeiro ano, o que supón que no 2021 deberá orzamentar para a infraestrutura 4,7 millóns de euros. A nova EDAR, cun orzamento de oito millóns de euros, conta cun 80% de financiamento procedente dos Fondos FEDER da Unión Europea, cun prazo máximo para executar as actuacións que vence no 2023, o que fai temer a nacionalistas e socialistas pola perda desa subvención.

Tanto Cajoto como o tenente de alcalde, Javier Fanego, insisten en que a zona de Forxán “non é a máis indicada” para instalar a depuradora e coinciden en que se tratou dunha elección “política e non técnica“, pero acatarán unha ubicación coa que se mostran en desacordo dado que o proxecto, no tocante aos prazos, está “ao límite e en risco de perder fondos europeos“.

Cajoto lembra que hai presentadas alegacións sobre o lugar onde se construirá a EDAR e polo tanto trátase dun proceso aberto, “que en ningún momento bloqueamos tal e como insinou o Partido Popular, e a mostra clara é a sinatura da adenda”. De tombarse o anteproxecto, “estariamos nun escenario completamente diferente”, pero a intención da alcaldía é, se o documento recibe luz verde, respectar o acordo.

“NON CAMBIAMOS DE OPINIÓN”

O PP, daquela, instara ao bipartito no pleno a “posicionarse” en contra do procedemento e “correr o risco de perder anos de tramitación e financiamento” ou respectar o sitio escollido e amosar “a súa incoherencia“.

Socialistas e nacionalistas afirman que, entre unha e outra, non tiveron opción. “A nosa principal preocupación agora é que se poda levar adiante o proxecto e que non se perda o financiamento. Non estamos de acordo coa ubicación nin cambiamos de opinión, pero as decisións tomadas na anterior lexislatura teñen as súas consecuencias e cremos que se trata dunha cuestión de responsabilidade”, argumenta Cajoto.

OS ORZAMENTOS: “FOZ NON RECIBIRÁ O DIÑEIRO QUE DI A XUNTA”

O alcalde focego critica a “ausencia total de seriedade nos prazos e compromisos de gasto” por para da Xunta, “dado que se un revisa as partidas, repítense no 2018, 2019 e 2020 os mesmos 500.000 euros para a nova EDAR de Foz que nunca se fixeron efectivos, e que polo tanto se redistribuíron e que o municipio non vai recibir“.

Fanego recalca que o propio ente hidráulico da Xunta “asegurounos que agora sería inviable buscar unha alternativa pois non hai tempo“. O Bloque defendeu ao longo dos anos e con distintos voceiros a ubicación da EDAR no polígono de Fazouro. “Seguimos nesa liña, pero ao noso pesar atopámonos cun punto de non retorno“, sinala, polo que “se non prosperan as alegacións a depuradora farase no camiño da Granda”.

“POLITIZACIÓN” DA ESCOLLA DA UBICACIÓN

Ao igual que Cajoto, Fanego fai fincapé en que se politizou a ubicación en Forxán, unha proposta “que nos vai costar a todos máis diñeiro, pola cota superior á da instalación no polígono. As bombas terán que ter unha maior capacidade”, explica.

POLÉMICA SOCIAL POR UNHA OBRA IMPRESCINDIBLE

Deste xeito, resolverase unha polémica que durou varios anos, co rexeitamento da veciñanza de Forxán e Fazouro a acoller a nova depuradora, por outro lado considerada por todos imprescindible, dada a falta de capacidade da actual depuradora, que conleva problemas de verteduras á ría de Foz, especialmente cando no verán aumenta a poboación dunha vila con potencial turístico.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...