O Partido Popular (PP) de Viveiro criticou nunha rolda de prensa a decisión do goberno local, aprobada en solitario no pleno extraordinario do pasado martes polo executivo municipal PSdeG-PSOE cos votos en contra dos populares e Por Viveiro e a abstención de BNG e Por Viveiro, de acollerse á opción ofrecida polo Ministerio de Facenda para dilatar un ano, ata 2027, o plan de pago a proveedores, agrupando todos os préstamos nun só.
Deste xeito, o Concello de Viveiro modifica o plan de viabilidade aprobado no seu día para facer fronte ao endebedamento financieiro municipal. O executivo municipal acollérase a un préstamo inicial de 9,4 millóns de euros cuns prazos de amortización entre 2021 e 2026. Deste xeito, deberá pagar 7,9 millóns entre o 30 de xuño de 2022 e o 30 de xuño de 2027.
O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, asegurou que se trata “de poñer un flotador para tirarse a unha piscina baleira”, e afirmou que “en función deste acordo, o Concello de Viveiro seguirá un ano máis con limitacións para levar a cabo as políticas que necesitan os veciños. A débeda total do Concello ascende a once millóns, dos que case oito corresponden aos bancos”, expuxo.
O concelleiro popular cre que a decisión do executivo socialista “non é entendible” pois “prolonga un ano máis o problema que afecta moi seriamente á xestión municipal”. Así, cifra o pago de intereses en “máis de 100.000 euros”.
“FALTA DE TRANSPARENCIA”
Para o voceiro municipal do PP, “este acordo demostra que o goberno confía moi pouco no plan de viabilidade”.
Rodríguez criticou tamén o horario da sesión plenaria, “convocada para as 14.00 horas. Como era previsible, a esa hora non houbo público, o que demostra o pouco interese que ten o goberno municipal, presidido por María Loureiro, na transparencia do debate e das decisión municipais”, afirmou.