A Garda Civil investigou a un veciño de Ribadeo, J. S. D. R. (26), como presunto autor dun delito de estafa, ao ofertar pisos inexistentes para o alugueiro durante a tempada estival, solicitando unha cantidade económica en concepto de reserva. Ao propio prexuízo económico hai que engadir o moral, xa que toda a familia desprazábase ata o falso apartamento para gozar das vacacións estivais.
Os feitos ocorreron durante o presente ano, cando unha familia burgalesa que reservara meses antes unha vivenda nunha importante localidade da costa castellonense, presentouse no domicilio facilitado pola persoa de contacto, comprobando que non existía o edificio prometido e que todo fora un engano, non volvendo responder ás súas chamadas.
Tralos feitos denunciados o pasado mes de xullo, a Comandancia de Burgos abría unha investigación que levou á identificación e localización do presunto autor, domiciliado na localidade ribadense da provincia de Lugo, e a quen se lle vincula con outros 16 feitos similares por estafa cometidos noutros puntos de España.
MODUS OPERANDI
Ofertaba o alugueiro de “rechamantes” pisos con piscina propia nunha importante zona turística da costa castellonense, sempre a prezos máis baixos aos habituais e para a tempada estival.
Cando un posible cliente se interesaba polo arrendamento, o arrendador gañábase a súa confianza, sendo a comunicación telefónica moi fluída ao principio; a “vítima” ingresaba nunha conta bancaria facilitada por este, en concepto de fianza ou reserva, unha cantidade económica que variaba entre os 100 e os 350 euros.
Recibía vía Whatsapp un contrato con moi boas condicións, xa asinado, o que outorgaba certa seguridade e confianza á operación.
Chegada a data o prexudicado trasladábase ata o lugar concretado, verificando in situ que non existía ningún edificio que se parecese ao ofertado vía internet e que todo fora unha estafa.
PREXUÍZOS ECONÓMICOS E MORAIS
Ao prexuízo económico da propia estafa únese o do traslado e o moral xa que en todos os casos comprobouse que lles acompañaba a familia.
Coa colaboración da Comandancia de Lugo, J. S. D. R. foi investigado, instruíndose dilixencias que foron entregadas no Xulgado de Instrución Nº 4 de Burgos. A investigación segue aberta ata o total esclarecimiento dos feitos.