O Pescados Rubén Burela FSF derrotou con solvencia ao Roldán (5-0) e segue intratable na Primeira División do fútbol sala feminino español, contando os seus partidos por vitorias.
O conxunto que adestran Julio Delgado e máis Lucas desfíxose dun rival que, malia perder xogadoras importantes, sempre se debe ter en conta, non en van foi campión de Liga na tempada 2017-2018 e no pasado mes de abril conseguiu a Copa de Europa.
O gol de Dany, no minuto 4, anticipou unha tarde redonda para o cadro laranxa. A pouco para o descanso, Peque aproveitou no segundo pau un disparo de Ale de Paz e marcou o 2-0.
Tralo descanso, o Burela FSF non tardou en sentenciar o encontro. Peque anotou o 3-0 no minuto 22. Cilene, en xogada de estratexia, marcou o cuarto no 26, un 4-0 ao que o cadro murciano respondeu co xogo de cinco. A porteira-xogadora non lle deu resultado ao equipo visitante, que non foi capaz de crear e perigo e, ao contrario, encaixo o quinto tanto das locais antes de cumprirse a media hora de partido, cando Jenny Lores rematou de cabeza un envío de Lara Balseiro.
De aí ao final, o conxunto murciano insistiu para limar diferenzas no marcador, pero foi o Burela FSF quen aumentou a renda por medio de Peque.
O TRÍO DO LIDERADO, INTRATABLE
Ao peche desta edición, o Ourense Envialia derrotara (3-0) ao Sala Zaragoza e o Atlético Futsi Navalcarnero gañaba con rotundidade (6-1) ao Cidade das Burgas no segundo tempo, polo que semella que o trío de cabeza seguirá unha xornada máis, a sétima, sen ceder un punto.
Na vindeira fin de semana, o Pescados Rubén Burela FSF desprazarase á pista do Sala Zaragoza.