O Partido Popular (PP) de Ribadeo esixe ao goberno local “unha dirección clara sobre a vixilancia no municipio” dado que “tanto na zona vella coma na contorna da Praza da Música é frecuente ver tódalas paredes cheas de pintadas”.
Así o manifesta a vicevoceira dos conservadores ribadenses, Elena Sierra, que expón que “cada día aparecen unhas novas pintadas nas fachadas dos distintos establecementos comerciais“, o que obriga aos propietarios dos locais privados “a volver pintar eses muros”.
Os populares ribadenses critican que “ademais do gasto” que supón para os comerciantes a necesidade de aplicar pintura, aínda teñan que pagar tamén as correspondentes taxas ao Concello para dar comezo a estas obras. Sen dúbida, “é inxusto para os comerciantes afectados”, sentencian.
“ESCASO TRABALLO” DO GOBERNO LOCAL
Deste xeito, o PP de Ribadeo esixe unha “actuación urxente” do Concello, que “debera velar pola seguridade dos ribadenses”. Sierra argumenta que a proliferación de pintadas débese “ao escaso traballo que o goberno local dedica ao municipio”.