IniciosociedadeA mellora da LU-540 inclúe o rectificado de curvas e novos carrís...

A mellora da LU-540 inclúe o rectificado de curvas e novos carrís de adiantamento

A Xunta licita en 243.000 euros o plan para acondicionar o treito da vía Viveiro-Cabreiros comprendido entre os puntos quilométricos 5 e 39,500

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia licitou este luns o contrato para a redacción do proxecto de mellora da capacidade e seguridade da estrada Viveiro-Cabreiros (LU-540), cun investimento de máis de 243.000 euros.

O proxecto ten como principal obxectivo o acondicionamento do tramo desta vía comprendido entre os puntos quilométricos 5 e 39+500 para acadar o incremento da seguridade viaria.

Para isto, serán necesarias accións dirixidas á rectificación de curvas, de xeito que todo o trazado se corresponda cunha velocidade de proxecto superior a 80 quilómetros por hora. A intervención tamén deberá incluír as actuacións necesarias para a implantación de novos tramos de carrís de adiantamento, en treitos con pendente superior ao 3%, así como para mellorar a seguridade fronte ao cruce de animais.

Neste sentido, prevense cinco tramos de carril lento en sentido Lugo e tres en sentido Viveiro. O tramo da estrada LU-540, entre os quilómetros 5 e 39.500, ten unha alta porcentaxe de prohibición de adiantamento, tanto en sentido Lugo (un 73% de prohibición) como en sentido Viveiro (un 83% de prohibición).

Esta estrada rexistra, segundo se indica na documentación para a licitación do proxecto, frecuentes accidentes como consecuencia do paso de animais, polo que, considérase necesario actuar para reforzar a seguridade viaria e paliar este tipo de percances.

O acondicionamento, dun xeito máis concreto, contemplará a mellora e redeseño de interseccións, o encaixe de carrís lentos, correccións de trazado, ordenación de xiros á esquerda ou a revisión da sinalización horizontal e vertical, entre outras medidas a adoptar.

PRESENTACIÓN DE OFERTAS ATA O DÍA 20

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, sinala na plataforma Contratos Públicos de Galicia que as empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de novembro.

CONEXIÓN DA MARIÑA OCCIDENTAL CON FERROL E LUGO

A LU-540 é a principal alternativa empregada polos mariñaos da zona occidental (O Vicedo, Ourol, Viveiro ou Xove) para desprazarse a Ferrol ou Lugo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...