Amigos da muller asasinada en Foz o pasado fin de semana supostamente a mans do seu fillo de 17 anos, Minaene Franco, de 36 anos, de orixe brasileira e nacionalizada española, confían en que poidan reunir o diñeiro que custa repatriar o cadáver da falecida ao seu país de orixe. Para iso, veñen de abrir unha conta en Abanca no mediodía deste venres.
Segundo apuntaron a cantidade a reunir sitúase nuns 13.000 euros en función dos cálculos que fixeron. Para conseguir recadar eses fondos pretenden abrir unha conta bancaria.
“É máis complicado do que parece, hai que cumprir moitos requisitos”, manifestou unha das amigas da vítima que se encarga de todo o proceso, quen a media tarde deste xoves tiña unha reunión co xerente dunha entidade financeira.
As mesmas fontes sinalaron que “hai moitas persoas querendo colaborar” para poder dar a Minaene un enterro no seu país de orixe, polo que se mostrou esperanzada en conseguir reunir o diñeiro preciso para levar o cadáver a Brasil.
A cantidade necesaria para iso, segundo sinalou, ascendería a “algo máis de 13.000 euros”. En principio, segundo indicou esta amiga da vítima “moitos inmigrantes na comarca están dispostos a colaborar”.
Segundo as mesmas fontes, un familiar directo da vítima desprazarase á comarca, aínda que non hai data de chegada confirmada, para facerse cargo do cadáver da muller, ao que se lle practicou a autopsia no departamento de Anatomía Forense do Hospital Lucus Augusti (HULA).
SEPULTURA
Doutra banda, por parte do Concello informaron de que, en colaboración coa parroquia, fixeron xestións para poder facilitar unha sepultura para os restos da muller no caso de que o corpo non sexa repatriado pola familia.
Mentres, o fillo da vítima e presunto autor do crime permanece ingresado en réxime pechado nun centro de menores por orde do Xulgado de Menores de Lugo.