Nos municipios de Riotorto, Trabada, Lourenzá e Barreiros xa se escrutou o 100% dos votos no tocante ao Congreso dos Deputados. Con respecto ás pasadas eleccións xerais, as do mes de abril, Nestes tres municipios documéntase unha tendencia á alza do Partido Popular (PP), a forza máis votada nos catro concellos, e tamén un aumento de Vox, que nos municipios laurentino e trabadense é terceira forza. Tamén se percibe unha caída importante da participación.
En Trabada, o PP supera ao PSOE como a lista máis votada, con 285 dos conservadores (o 41,73%) por 204 (29,87%) dos socialistas, que perden 101 votos. Vox emerxe como terceira forza, con 68 sufraxios (case o 10% do escrutinio), case duplicando a porcentaxe de apoio; Galicia en Común-Unidas Podemos obtén 48 sufraxios (7,03%), por 44 do BNG (6,44%) e 16 de Ciudadanos (2,34%). Pacma, o partido animalista, leva cinco respaldos e un o PCOE. A participación caeu do 77,17% ao 69,16%.
En Riotorto, a candidatura popular obtén o 50% dos votos (391). O PSOE queda co 28,13% (220), perdendo os dous puntos que gañan os conservadores. O BNG supera a Podemos como a terceira lista máis votada, con 60 apoios, o 7,67%; Vox sube de 30 a 48 respaldos (6,14%); Cs suma 16, por un do PCOE (Partido Comunista Obrero Español). A participación caeu case oito puntos, cunha abstención do 20,90%.
En Barreiros, o Partido Popular suma 611 votos (36,76%); o PSOE perde 88 sufraxios, quedando con 442; o BNG obtén 259 (15,58%), Vox supera o nove por cento do total escrutado (150); Podemos acada 127 (7,64%), por 30 de Ciudadanos (1,81%), que perde 91 respaldos respecto aos comicios de abril. Dezasete persoas votaron ao Pacma, 4 ao PUM+J (Por un Mundo más Justo), dous a PCOE (Partido Comunista Obrero Español) e un do PCTG (Partido Comunista dos Traballadores Galegos). A participación caeu do 74,49% ao 66,05%.
En Lourenzá continuou a igualdade entre PP e PSOE, aínda que neste caso é o partido conservador a forza máis votada, con 418 votos (35,82%), subindo case dous puntos; os socialistas pasan do 37,57% ao 34,36% (401); Vox eríxese en terceira forza, con 107 (9,17%). O BNG conta 101 resplados, polos 80 de Podemos, 32 de Cs (-52 con respecto aos pasados comicios xerais) e sete dos animalistas. O PCTG suma dous, por un voto de PUM+J. A participación caeu do 70,97% ao 66,89%. Podes consultar os datos completos nesta ligazón.