A Xunta de Galicia explicou este venres a través dun comunicado que a empresa construtora encargada da obra de remodelación do colexio Virxe do Carme de Burela “traballa desde o pasado xoves na corrección da filtración de auga que, con carácter puntual e localizado, afectou ao vestiario da cociña e comedor deste centro educativo”.
Arquitectos da Unidade Técnica da Consellería de Educación comprobaron a avaría, “considerada de pequena incidencia, así como o desenvolvemento dos traballos que se están a acometer para reparala e garantir que quede perfectamente selada”.
Todo apunta, segundo a Xunta, “a que a filtración puido deberse á rotura de varias lousas na cuberta do edificio número 1, nos puntos nos que se apoiaba o andamio empregado para a obra, feito combinado co vento e as fortes precipitacións dos últimos días”.
“NORMALIDADE” NA ACTIVIDADE ESCOLAR E NO COMEDOR
A Administración autonómica destaca que tanto as clases como o resto da actividade do centro, incluído o uso do comedor, desenvolvéronse “sen incidencias e con total normalidade”.
Desde a Xunta de Galicia lamentan o “aproveitamento político que algúns partidos quixeron dar a esta avaría” e resaltaron que, tanto a dirección do centro como a propia empresa encargada das obras, “actuaron desde o primeiro momento para corrixir a situación”.
O Goberno autonómico resalta que tanto o pasado xoves coma este venres “operarios traballaban na propia cuberta do edificio a pesar do temporal de vento. No interior hai disposto un deshumidificador para, unha vez eliminada a filtración, actuar no falso teito e pintar os parámetros, se fóra preciso”, expón.
“Non é unha circunstancia extraordinaria que cando ten lugar un importante temporal de vento e chuvia poidan producirse filtracións ou desperfectos nas instalacións dos centros educativos que, as direccións do centro e coordinación coa Unidade Técnica de Educación, corrixen con celeridade”, argumenta a Xunta.
FALTAN “PEQUENOS REMATES” DA REFORMA
Malia que a obra de reforma, cun investimento de máis de 860.000 euros, “está finalizada”, indica o Goberno autonómico, “persoal da empresa construtora continúa no centro precisamente realizando pequenos remates e supervisando as actuacións realizadas para garantir que estean en perfecto estado antes da recepción dos traballos”.