IniciosociedadeO Xulgado número 1 de Viveiro padece unha carga de traballo do...

O Xulgado número 1 de Viveiro padece unha carga de traballo do 215%

O TSXG confirma que recibe máis do dobre do traballo que é capaz de asumir por recursos; os traballadores alertan de que a situación do número 2 é "similar"

Publicada o

- Advertisement -

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro padece, segundo datos derivados dunha inspección realizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), unha carga de traballo do 215%, isto é, recibe máis do dobre do traballo que é capaz de asumir polos seus recursos. Así o anunciaron este martes Marco López e David Díaz, funcionarios xudiciais, na Mesa de Coordinación Institucional fronte á Violencia de Xénero. O máis grave é que o número 2, que ten as competencias en violencia machista, sofre un colapso similar segundo afirman os traballadores.

Os obreiros resaltan que aínda que a acumulación de 3.075 pleitos civís pendentes que denunciaban no pasado mes de febreiro se reduciu lixeiramente, a situación dos Xulgados é “grave“, cunha sobrecarga de traballo “estratosférica, coa xente desbordada e coa lingua de fóra“.

Malia que non contan con datos oficiais, afirman que a situación do Xulgado número 1 é “extrapolable” á do Xulgado número 2, dado que os dous órganos xudiciais, segundo apunta López, “reparten ao 50% os traballos, tamén os de violencia doméstica, agás aqueles de violencia de xénero”.

Ambos dan saída aos asuntos do partido xudicial de Viveiro, que abrangue os concellos de Ourol, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela e Foz, cunha poboación estimada de 45.000 habitantes.

FUNCIÓNS DE REXISTRO CIVIL E DECANATO

Os traballadores remarcan que o Xulgado número 1 ostenta ademais das funcións ordinarias en materia civil e penal, as competencias do Rexistro Civil relativo ao municipio viveirense e do Decanato, “a oficina que reparte os asuntos e os escritos entre os dous órganos do partido xudicial”. Ademais, ocúpase dos casos de violencia de xénero “cando está de garda e o Xulgado número 2 non se atopa en horas de audiencia, de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres”.

Finalmente, o Xulgado número 1 ten a competencia exclusiva en causas por accidentes laborais, indican os operarios.

“Hai un funcionario adscrito ao Rexistro Civil e outra persoa de auxilio e non chega”, sinala López, para precisar que á oficina do Decanato “ténselle que dedicar catro horas diarias, que acaban sendo unha prolongación de xornada“.

INSTAN A INCREMENTAR O PERSOAL

O Xulgado número 1 afronta esta carga de traballo con nove persoas -incluída a maxistrada-, por oito do número 2. Para este último, a Xunta anunciara mes de xaneiro de 2018 a creación dunha praza no Xulgado de Violencia de Xénero viveirense, unha medida que -malia pasar case dous anos- aínda non se concretou.

Os funcionarios xudiciais cren que o reparto de persoal responde a “un descoñecemento grande da administración de Xustiza”, e consideran que como mínimo precísase “unha ou dúas prazas máis” no Xulgado número 1. “Hai que entender isto como un ente único e que se tomen medidas para o partido xudicial de Viveiro”, conclúen.

CONCEBIR OS DOUS XULGADOS “COMO UN ENTE ÚNICO”

Así, reclaman “unha valoración integral e conxunta dos dous Xulgados de Viveiro” e unha “actuación equitativa“.

Aínda que agradecen o incremento “moi necesario” do plantel prometido no Xulgado número 2 de Viveiro, agardando a que se faga efectivo, os traballadores alertan da escaseza de persoal no número 1, que “segue coxo“, para aquelas tarefas que ten encomendadas.

CADA ANO RECÍBENSE MÁIS PLEITOS

Trala folga da Xustiza acrecentouse un problema, que é que “cada ano recibimos máis pleitos; levamos alomenos seis ou sete anos nun crecemento constante“, explica López. A recuperación “do 80% do traballo” prometida pola Xunta no acordo adoptado cos sindicatos quedou en papel mollado, cunha primeira quenda de 20 horas e outra segunda doutras 20 horas, para recuperar case 1.000 horas que se perderon polo paro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...