O PSdeG-PSOE reclama á Xunta de Galicia que adxudique as obras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Burela “antes de que remate o primeiro semestre de 2020, para garantir a aplicación dos fondos europeos e evitando a súa perda”.
A secretaria provincial dos socialistas lucenses e deputada autonómica, Patricia Otero, avanzou que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para instar ao Goberno galego a que axilice a construción da obra, “moi necesaria para a veciñanza de Burela. Reclamamos, esiximos e demandamos que non nos tomen máis o pelo coa realización desta infraestrutura”, espetou.
RECLAMADA DESDE ALOMENOS 2011
Otero argumenta que se trata “dun problema que arrastra a veciñanza de Burela desde hai anos. Xa en decembro do ano 2011 o por aquel entón alcalde, o señor (José María González) Barcia, admitía problemas case a diario coa depuradora de augas residuais e quería unha nova para o concello”.
A deputada autonómica socialista lembra que “en abril de 2015 Augas de Galicia detectaba incumprimentos na dita depuradora. E en agosto de 2018 a Unión Europea (UE) avisaba a España por fallos na depuración en varios concellos galegos, entre eles o de Burela. As primeiras informacións apuntaban a que as novas instalacións da EDAR poderían estar en funcionamento no ano 2017, pero os traballos fóronse dilatando e a día de hoxe seguen pendentes, correndo o risco serio de que se non se rematan estas obras en prazo se perdan fondos europeos”, asegura.
Así as cousas lembrou que a “Directora de Augas de Galicia dixo na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos da Xunta para o 2020 que nese ano se finalizará a redacción do proxecto de saneamento, orzamentando para iso 250.001 euros. Estamos a falar dunha obra que se prevé que rolde os 9.000.000 de euros”.
PERDER AS PARTIDAS “COMPROMETERÍA” A SÚA “VIABILIDADE”
Otero replica que “ante esta situación é preciso unha actuación urxente, xa que a perda dos fondos comunitarios comprometería seriamente a viabilidade da nova depuradora de augas residuais”.
Deste xeito, pregunta “cales son os prazos que manexa a Xunta de Galicia para a construcción da nova estación depuradora de augas residuais de Burela” e se considera o Goberno autonómico “que coas datas que baralla para a construción da nova EDAR se poñen en perigo os fondos europeos previstos para esta construción”.