Miles de persoas participaron por toda a xeografía da Mariña Lucense nos actos de reivindicación do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres, nun día no que houbo un novo asesinato dunha muller -Sara- a mans da súa parella, en Tenerife.
ANDAINAS, MARCHAS, CONCENTRACIÓNS
En Ribadeo, arredor de 700 persoas vestidas de negro -entre elas alumnado dos centros de ensino ou usuarios do centro de día- participaron na andaina en contra das violencias, que esta mañá percorreu varias rúas da vila para rematar no Cargadoiro. Alí Mariluz Álvarez Lastra, concelleira de Igualdade, leu o manifesto conmemorativo. O acto deu comezo coa lectura dun poema de Sandra Saavedra e rematou cun rap do Comité Lila. O acto reclamou a fin das violencias contra as mulleres e, en particular, no Camiño de Santiago, animando ás peregrinas a reivindicar o seu dereito a viaxar soas.
En Foz e en Burela houbo concentracións. Na focega participou a corporación e o persoal municipal; pola tarde entregáronse camisolas conmemorativas nun acto celebrado diante do consistorio.
No concello burelao procedeuse á instalación dun stand informativo contra a violencia machista, na Praza do Concello, onde persoal especializado en violencia de xénero facilitou, durante todo o día, información ás persoas que decidiron achegarse ata alí e tamén distribuíu material de sensibilización e prevención.
En Barreiros, o acto conmemorativo tivo como temática o sentido da vista. Tanto a rexedora, Ana Ermida, como a concelleira de Igualdade, Montse Porteiro, leron o manifesto pedindo máis medidas para erradicar as violencias contra a muller. Acudiu ao acto alumnado dos colexios de San Cosme e San Miguel, a corporación municipal e numerosas persoas.
En Viveiro, arestora celébrase unha marcha nocturna reivindicativa que rematará nos Castelos. Centos de persoas, vestidas de negro ou color escuro e portando unha lanterna, participan na andaina. Tamén haberá un apagón simbólico do alumeado da ponte e da Praza Maior.
O Hospital Público da Mariña tampouco foi alleo á data. No centro hospitalario mariñao reivindicouse que a precariedade laboral no sector da sanidade, altamente feminizado, ou a escaseza das políticas de conciliación “tamén son violencia contra as mulleres”.
Igualmente, a CIG protestou fronte á residencia de San Cibrao pola precariedade no sector dos coidados, onde as mulleres representan a inmensa maioría do persoal.
OS ACTOS CONTINÚAN ESTE MARTES
Os actos polo 25-N non rematan este luns, senón que se prolongarán ao longo da última semana de novembro e tamén durante o mes de decembro. Este martes, o Observatorio da Mariña pola Igualdade proxectará a película ‘Todas as mulleres que coñezo’ e posterior coloquio coa súa directora, Xiana do Teixeiro (sala multiusos do consistorio de Viveiro, ás 20.00 horas).
Podes consultar nesta ligazón os actos pendentes en Burela ou Alfoz.